O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá en rolda de prensa as 31 emendas que formularon á proposta de ordenanzas fiscais municipais para o vindeiro 2020. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, resumiu as emendas nacionalistas asegurando que o perseguen é facer avanzar a cidade cara a unha “fiscalidade municipal socialmente xusta”.
Igrexas remarcou que o debate sobre as ordenanzas fiscais non se pode separar do dos orzamentos municipais. “Coas ordenanzas definimos unha parte importante dos ingresos dos que vai dispor o Concello, e cos orzamentos determinaremos en que destinalos”, explicou. Neste sentido, o edil nacionalista expresou a súa discrepancia tanto coas “conxelacións electoralistas que logo se traducen en incrementos acumulados” como das posicións que avogan por “baixadas lineais dos impostos”, en alusión ao Partido Popular.
“Para o BNG o debate non é tanto canto soben os impostos e taxas senón quen e como os paga”, expuxo, defendendo a necesidade de apostar por unha maior progresividade fiscal. “Queremos que tamén no Concello a contribución económica en forma de impostos teña en conta que non todos e todas temos o mesmo nivel de poder adquisitivo, por iso as nosas emendas céntranse en aumentar as exencións e bonificacións en favor de quen menos pode”, defendeu. En contrapartida, a fronte nacionalista propón aumentar os impostos que teñen que pagar as grandes empresas, como o IAE, as taxas por instalación de caixeiros automáticos na rúa ou polo aproveitamento das empresas de telefonía.
A primeira emenda defende, como xa anunciaron días atrás, a posta en marcha dun Plan de Pago Persoanalizado, que permita a todas as persoas físicas e as entidades sen ánimo de lucro pagar os tributos municipais en até doce mensualidades sen ningún recargo.
Acceso social á vivenda
Unha das principais cuestións que recollen as emendas do Bloque é facilitar o acceso social á vivenda. Con ese obxectivo propoñen que as familias que foron vítimas de desafiuzamento ou que entregaron a súa vivenda en dación de pago, estean exentas tanto de tributar o IBI da vivenda afectada como de facer fronte ás débedas que xerasen neste imposto.
Tamén propoñen aplicar unha bonificación do 95% no IBI aos inmóbeis cuxo uso sexa cedido ao Concello de Vigo ou a calquera administración pública para se incorporar nun programa de vivenda social. “Nunha cidade con 18.500 vivendas baleiras e cunha evidente necesidade de vivendas sociais, esta medida podería ser un aliciente para dotar Vigo dun parque de vivendas sociais”, defendeu Igrexas.
No IBI demandan tamén bonificacións do 95% tanto para a Universidade de Vigo como para as entidades sen ánimo de lucro. “Non ten sentido ter asociacións veciñais pagando IBI polos seus locais, mentres a Igrexa Católica non paga un só céntimo”, explicou o voceiro nacionalista.
Penalizar as casas de apostas
Diante da proliferación de salas e casas de apostas, o BNG defende que as ordenanzas fiscais incorporen medias que penalicen este tipo de estabelecementos. No concreto, propoñen que se lles aplique un recargo do 95% no Imposto de Actividades Económicas (IAE) e que tributen por este imposto mesmo cando facturen menos de 1 millón de euros ao ano. Tamén demandan que se aumente nun 95% as taxas por licenzas de actividades e instalacións para estes locais.
O aumento do 100% da taxa por instalación de caixeiros automáticos adosados a vía pública, e nun 25% da taxa que se aplica ás empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil, son outras das propostas. Con carácter xeral, defenden que se aumente nun 15% todos os tipos do IAE. “Con estes aumentos queremos compensar, inda que sexa parcialmente, a minoración de ingresos que poden producir as bonificacións de tipo social. O razoábel é que sexan grandes empresas ou a banca privada quen faga un maior esforzo para que outros paguen menos”, xustificou o concelleiro.
Bonificacións en servizos básicos
No ámbito social, a formación nacionalista avoga por aplicar unha exención das taxas de escolas infantís municipais, escolas municipais de música e danza e instalacións deportivas, ás familias con ingresos anuais per cápita inferiores a un terzo do salario mínimo. Para aquelas que teñan ingresos inferiores á metade do SMI propoñen un desconto do 50% nesas mesmas taxas. “Queremos facilitar o acceso a servizos que consideramos de carácter básico a un maior número de familias traballadoras”, explicou Igrexas.
O Bloque tamén quere facer gratuíta a entrada ao Verbum a todas as persoas xubiladas, pensionistas, desempregadas e discapacitadas e dos menores de 14 anos ao seu cargo.
Recibo da auga e taxa do lixo
As emendas propoñen a conxelación da tarifa da auga mentres non se poña en marcha un novo sistema de tarificación en base ao consumo real e que bonifique o aforro, tal e como xa acordou en varias ocasións o Pleno. Aliás, defenden que as unidades familiares con ingresos per cápita inferiores ao 50% do salario mínimo estean exentas de pagar o recibo da auga.
En relación á taxa pola recollida do lixo, o BNG demanda que as bonificacións tamén se apliquen para as persoas con discapacidade superior ao 65% inda que non teñan acreditado o seu grado de dependencia. Suxiren ademais unha rebaixa do 5% nesta taxa aos locais comerciais con menos de 50 metros cadrados de superficie, e un 30% de desconto a aquelas persoas ou actividades que teñan alternativas de compostaxe para a fracción orgánica.
Taxas urbanísticas
En relación ás taxas de tipo urbanístico, o BNG demanda que a cualificación de “proxecto empresarial de interese municipal”, que da dereito a bonificacións, sexa acordada polo Pleno e non pola Xunta de Goberno Local.
Por outra parte, propoñen un desconto do 25% nas taxas de construción, obras, instalacións e outros servizos urbanísticos para as persoas menores de 35 anos con ingresos anuais por debaixo do duplo do salario mínimo. Outra das emendas recolle unha redución do 10% nas taxas por licenza para os estabelecementos de menos de 500 metros cadrados, e un aumento do 10% para os que teñan máis superficie.
Billete do bus
O Bloque tamén anticipa a súa posición en relación á revisión de tarifas do autobús urbano, no ano no que vai concluír a súa actual concesión. Neste sentido, demandan a conxelación do billete ordinario e dos bonos. Propoñen rebaixar os bonos estudante e social para os equiparar co prezo do bono universitario e a creación dun novo bono gratuíto para persoas desempregadas de longa duración e aquelas que perciban pensións non contributivas ou sen pensión.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.