O BNG de Vigo demanda explicacións sobre a plataforma web para o pequeno comercio anunciada en abril polo alcalde

Publicado por o día 20/11/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo demanda explicacións sobre a plataforma web para o pequeno comercio anunciada en abril polo alcalde

 O pasado 27 de abril o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciaba que o Concello ía poñer en marcha unha plataforma web para a comercialización e distribución de produtos do pequeno e mediano comercio da cidade e que se chegou a definir como o ‘Amazón vigués’. Varios meses despois, en xullo, o rexedor reiteraba o anuncio facendo público que a plataforma tería como denominación “Merca en Vigo”. No entanto, durante todos estes meses nada se soubo sobre os traballos para a posta en marcha desta iniciativa.

Emporiso, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, interpelou ao Goberno municipal na última Comisión Informativa de Comercio do Concello, reclamando que se informase de cando estaba prevista a súa posta en funcionamento, sen obter resposta do executivo local.

Igrexas subliñou a importancia deste tipo de proxectos xa que a crise da Covid19 sumouse aos efectos da dixitalización comercial na que grandes corporacións como Amazon están a desertizar o pequeno e mediano comercio local.

“Asistimos a máis un episodio da política aparencial e de propaganda do Goberno de Caballero. Toda ese proxecto quedou niso, nun anuncio en abril e nun titular en xullo, pero sen ningún tipo de avance concreto”, afirmou o portavoz municipal do BNG.

Por iso, insisten en demandar do executivo local que explique “que traballos se teñen realizado desde abril até hoxe, quen os está a realizar, a cargo de que partida orzamentaria, con que custe, e sobre todo e máis importante cando vai estar en marcha”.

“O sector comercial da cidade está atravesando un momento moi duro e difícil, e evitar que as persianas dos estabelecementos non baixen definitivamente vai requirir algo máis que de anuncios, titulares e boas palabras. Son necesarias medidas concretas, xestión e cumprir co que se promete”, remachou Igrexas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.