O BNG de Vigo demanda un maior esforzo de Concello e Xunta para enfrontar a ‘emerxencia laboral’ da cidade

Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitirnos seguir destinando máis recursos ao gasto das luces de nadal ou a subvencións para aeroliñas privadas do que se dedica cada ano ao Plan Municipal de Emprego”.

Diante da grave situación social, laboral e produtiva que atravesa e cidade de Vigo, e que veñen de ratificar os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa, o Bloque Nacionalista Galego demanda tanto ao Goberno municipal como á Xunta de Galiza un maior esforzo por promover a reactivación produtiva e a creación de emprego digno na cidade.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que os datos da EPA correspondente ao derradeiro trimestre de 2020 poñen en evidencia a “situación límite” que atravesa a cidade no ámbito laboral. “No último ano destruíronse 2.500 empregos na industria, un sector estratéxico para a cidade e o conxunto da comarca de Vigo, e hoxe hai 8.600 postos de traballo menos dos que había en 2009”, alertou. Unhas cifras alarmantes que se engaden ao retroceso en actividades chave, como a construción naval, que vén de denunciar publicamente a propia patronal do sector, e o feito de que na actualidade haxa millares de traballadores e traballadoras en situación de ERTE.

Neste contexto, a fronte nacionalista defende que o Concello de Vigo non pode seguir actuando “con inercia” e reitera a necesidade de poñer en marcha unha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego, tal e como propuxeron no inicio da pandemia. “Levamos anos a advertir que como cidade non podemos permitirnos destinar máis recursos ao gasto das luces de nadal ou a subvencións para aeroliñas privadas do que se dedica cada ano ao Plan Municipal de Emprego”, criticou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista chamou ao Goberno municipal que preside Abel Caballero a “mobilizar todos os recursos e capacidades do Concello para promover o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo en condicións dignas”.

En relación á actuación da Xunta de Galiza, Igrexas asegurou que “non podíamos esperar outra cousa que o que xa teñen feito durante todos estes anos de nefasto goberno de Feixóo”. “Cero política industrial, cero política laboral e permanecer impasíbeis diante do risco de desertización de sectores estratéxico como o naval, ese é o papel da Xunta do PP”, resumiu.

En consecuencia, o Bloque urxe unha “emenda radical” tanto das “insuficientes políticas municipais” como do “total desleixo e abandono da Xunta”, para atender a principal necesidade das viguesas e vigueses e o máis importante problema social da cidade: “a falla de emprego e a precariedade laboral”.  

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario