O BNG de Vigo demanda un novo bono social que faga gratuíto o autobús ás persoas perceptoras do IMV, desempregadas de longa duración e sen ingresos

Para a fronte nacionalista non ten sentido que estes colectivos non se beneficien da gratuidade que si gozan, de maneira xusta, as pensionistas con ingresos de até 13.300 euros brutos anos.
Publicado por o día 11/12/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo demanda un novo bono social que faga gratuíto o autobús ás persoas perceptoras do IMV, desempregadas de longa duración e sen ingresos

O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que o Concello de Vigo modifique o actual bono social do servizo de autobús urbano para o facer gratuíto para o colectivo de persoas perceptoras do ingreso mínimo vital, desempregadas de longa duración e sen ingresos.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, fíxose eco da denuncia de diferentes colectivos da cidade, entre eles a Oficina de Dereitos Sociais, compartindo que a situación actual é inxusta. “En Vigo as persoas pensionista –incluídas tamén as beneficiaras da RISGA– con ingresos de até 13.300 euros brutos anuais teñen, de maneira xusta, o autobús gratuíto. O que non ten sentido é que persoas que perciben unha axuda de subsistencia como o Ingreso Mínimo Vital, ou persoas desempregadas que perciben a RAI, ou mesmo persoas sen ingresos, teñan si que teñan que pagar como mínimo  69 céntimos por viaxe”, explicou, demandando extender a gratuídade do bus a estes colectivos.

Trátase dunha demanda histórica na cidade, defendida desde hai moitos anos polo movemento veciñal, por colectivos de desempregados e desempregadas e entidades sociais da cidade, que ten sido reiteradamente desatendida polo actual Goberno municipal.

Igrexas subliñou que o bus urbano é “un servizo público esencial” lembrando que é utilizado maiormente “polas clases traballadoras e populares, por persoas empobrecidas, e de maneira moi significativa por mulleres”. Emporiso, o portavoz municipal nacionalista volveu demandar unha modificación do sistema de bonos para facilitar o acceso ao mesmo. “Se o alcalde baixase do coche oficial, inda que sexa híbrido, comprendería a importancia que ten unha medida como esta para millares de viguesas e vigueses que teñen dificultades económicas e que precisan do bus para facer a súa vida cotiá”, acrecentou

A fronte nacionalista insta ao Goberno municipal a adoptar esta decisión, xa que tal e como se recolle no artigo 24 da vixente ordenanza municipal que regula o transporte de viaxeiros na cidade, ten plena competencia para poder facelo. “Só se precisa sensibilidade social e vontade política”, remachou Igrexas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.