O Bloque Nacionalista Galego demandou ao Goberno municipal de Vigo a posta en marcha dun Plan de Continxencia Municipal co que enfrontar a segunda onda do coronavirus. Así llelo vén de trasladar o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, ao alcalde a través dun escrito, no que insta a reforzar todos os medios preventivos, así como a preparar o despregamento de dispositivos e programas extraordinarios a nivel social para protexer os colectivos máis vulnerábeis.
Igrexas advertiu de que os indicadores sanitarios apuntan que xa se está ás portas da segunda onda da Covid19, e que a evolución das últimas semanas –atinxindo xa preto de 140 positivos na área sanitaria de Vigo– deben provocar unha resposta enérxica por parte de todas as administracións. “Entre marzo e maio actuouse con improvisación e falta de planificación, en grande medida porque non se esperaba unha pandemia destas dimensións, pero agora xa temos datos, experiencia e sabemos o rápido que se pode complicar a situación. Aprendamos a lección da primeira vaga de contaxios”, reclamou o edil nacionalista.
Desde a fronte nacionalista enfatizan que é necesario actuar “con dilixencia, rapidez e contundencia” para salvagardar a saúde pública e a vida das persoas. Nese sentido, no Plan de Continxencia Municipal que demandan inclúen medidas como o reforzo dos mecanismos de prevención, a garantía de subministración de equipos de protección e o reforzamento dos servizos e programas de atención social a persoas vulnerábeis.
Instan tamén a que o Goberno municipal esixa ás empresas concesionarias municipais, nomeadamente as de servizos esenciais e sensíbeis como Servizo de Axuda no Fogar ou o transporte urbano, a que doten do material preventivo necesario o seu persoal. “Son empresas que prestan os seus servizos ao Concello, que reciben moitos millósn de euros de diñeiro público e ás que non se lles pode tolerar que non distribúan os EPI necesarios”, dixo facéndose eco das denuncias que apuntan a que Vitrasa só fai entrega dunha única máscara para toda a semana para o persoal condutor, ou menos dunha unidade por persoa usuaria no SAF a pesar de se tratar dun colectivo especialmente vulnerábel perante a Covid19.
O Bloque reiterou, por boca do seu concelleiro, a súa “plena disposición” para seguir a “colaborar e cooperar desde a máxima lealdade co Goberno municipal, como viñemos facendo desde o inicio da crise sanitaria, para robustecer a capacidade de resposta da cidade fronte a segunda onda da Covid19”
Críticas á Xunta
Igrexas subliñou a necesidade e importancia deste Plan de Continxencia Municipal perante a “absoluta ausencia e incomparecencia da Xunta de Galiza”. Nese sentido, criticou que o Goberno galego presidido por Alberto Núñez Feixóo teña renunciado a exercer as súas competencias e agora se limite a pedirlle ao Goberno español “que lle resolva a papeleta”.
“Esta crise sanitaria demostrou que centralizar a toma das decisións non só non axudou a resolver nada, senón que agravou os problemas. A Xunta non pode poñerse de perfil”, esixiu, lembrando que o BNG xa reclamou a nivel galego a través da súa portavoz nacional e líder da oposición, Ana Pontón, a declaración do estado de emerxencia sanitaria en toda Galiza.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.