Após coñecerse o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que confirma a sentenza que xulgaba ilegais os servizos mínimos impostos polo Concello de Vigo na folga de bombeiros, o Bloque Nacionalista Galego esixiu esta mañá ao Goberno municipal que cumpra as sentenzas e que procure unha solución definitiva ao conflito, atendendo as reivindicacións para o reforzamento do servizo.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou o fallo do TSXG como unha evidencia de que “o Goberno municipal está instalado na absoluta ilegalidade”. “Son numerosos e reiterados os abusos e as vulneracións dos dereitos laborais e sindicais dos bombeiros, como numerosas son xa tamén as sentenzas condenatorias”, afirmou, aludindo tamén á anulación xudicial do denominado decreto de permanencia que impuña a obrigatoriedade de realizar horas extra.
O portavoz municipal nacionalista istou ao cumprimento estrito das sentenzas e afeou que “un goberno que se di progresista tentase rebentar unha folga cun decreto de servizos mínimos abusivo”. Neste sentido, lembrou que a folga en curso e que está a piques de cumprir un ano e medio, “non ten precedentes na historia da cidade” e ten como único causante o propio Goberno de Abel Caballero pola súa incapacidade á hora de dotar o servizo de bombeiros dos efectivos necesarios.
“A folga de bombeiros non só está motivada por lexítimas reivindicacións laborais, senón que o que persegue é forzar unha solución para evitar que a cidade de Vigo continúe a ser insegura”, afirmou. A este respeito, Igrexas subliñou que desde á Área de Seguridade, que dirixe a concelleira Elena Espinosa, non lograron evitar que “nun número importante de xornadas a cidade teña menos bombeiros en servizo do mínimo que o propio Concello fixou, deixando nunha evidente desprotección ás viguesas e vigueses e limitando a capacidade operativa para atender calquera emerxencia”.
Desde a fronte nacionalista instan o Goberno local a “poñerse a traballar” para dotar o servizo de bombeiros do persoal necesario para atender as necesidades dunha cidade de 300 mil habitantes.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.