O BNG de Vigo lamenta que o alcalde non convocase o Pleno extraordinario sobre o coronavirus que anunciou para esta semana

Publicado por o día 09/11/2020 na sección de BNG,Concello de Vigo,Coronavirus,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo lamenta que o alcalde non convocase o Pleno extraordinario sobre o coronavirus que anunciou para esta semana

O Bloque Nacionalista Galego lamentou que o pleno extraordinario anunciado polo alcalde para esta semana, para abordar as medidas necesarias fronte a segunda vaga da Covid19, non se chegase a convocar. A fronte nacionalista demanda que o Goberno local se centre na xestión da crise sanitaria e os seus efectos sociais e económicos na cidade.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou que o alcalde non teña convocado, sen dar explicación ningunha, o Pleno monográfico anunciado. “A semana pasada o PSOE rexeitou no pleno ordinario unha moción do BNG con medidas urxentes fronte á Covid, impediu o debate doutra moción do PP e Marea de Vigo retirou a súa, sob o argumento de que se ía celebrar esta semana un pleno extraordinario que finalmente non tivo lugar”, explicou.

Igrexas asegurou non entender as razóns para que o grupo de goberno “incumpre a palabra dada” nunha cuestión de tanta transcendencia. A este respeito subliñou que a día de hoxe xa se superaron os 2500 casos activos de Covid19 na área sanitaria de Vigo, despois de que no último mes se multiplicasen por cinco e superen en máis de 1000 o pico máximo da primeira onda. Unha evolución “grave e moi preocupante” que se está a saldar tamén nun perigoso aumento da presión asistencial, con máis hospitalizacións e casos críticos, e cun triste aumento da mortalidade a causa do virus nos últimos días.

O portavoz municipal nacionalista xulga incomprensíbel que con estes datos o Goberno municipal “inda non entenda que do que se debe ocupar e preocupar é da situación epidemiolóxica na cidade e dos seus efectos sanitarios, sociais e económicos”. “Teñen que centrarse no verdadeiramente importante”, reclamou.

Cooperación

Con todo, eesde o Bloque insisten desde hai semanas en que é momento de que todas as forzas políticas do Pleno cooperen e colaboren para “sumar esforzos, ideas e propostas para robustecer a capacidade de resposta de Vigo nesta segunda vaga de contaxios”.

“Non hai tempo que perder, hai que tomar decisións e mobilizar recursos para enfrontar esta situación crítica que acaba de provocar o feche da hostalaría por un mes”, remarca Igrexas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.