O BNG de Vigo levará ao Pleno as graves irregularidades denunciadas no mercado de nadal da Praza de Compostela

Publicado por o día 22/12/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo levará ao Pleno as graves irregularidades denunciadas no mercado de nadal da Praza de Compostela

As graves irregularidades denunciadas no mercado de nadal da Praza de Compostela serán abordadas no vindeiro Pleno, convocado para este luns 23 de decembro. O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego, Xabier P. Igrexas, presentou unha moción de urxencia, ao abeiro do previsto no artigo 63.4 do Regulamento Orgánico do Pleno, após se coñecer publicamente o pasado xoves as denuncias presentadas pola Confederación Intersindical Galega (CIG) perante o propio Concello, Sanidade e a Inspección de Traballo. De acordo co denunciado pola CIG a entidade adxudicataria do mercado de nadal instalado na alameda estaría a incumprir as bases de adxudicación aí como a normativa de aplicación. No concreto apuntan á falla de garantías hixiénico sanitarias dos postos gastronómicos, a non publicación das listaxes de prezos e a importantes irregularidades na contratación do persoal.

O alcance da gravidade dos feitos denunciados así como que se trata dunha actividade en vía pública que se desenvolve con autorización municipal motivan para o BNG que o Pleno aborde esta cuestión. “O Goberno municipal terá a oportunidade de explicar se tiña constancia destes feitos e, o que é máis importante, que fixo e que pensa facer para garantir o estrito cumprimento das bases de adxudicación”, explica o portavoz municipal nacionalista.

Igrexas recolle na moción a enumeración dos feitos denunciados pola CIG, entre os que se recollen incumprimentos graves da normativa hixiénico sanitaria como que o persoal careza da acreditación para manipular alimentos, a insuficiencia de luvas, a manipulación de alimentos coas mans ou con utensilios con deficiente limpeza ou a falla de refrixeración na almacenaxe dalgúns produtos cárnicos. “O Concello de Vigo non pode permitir que nun mercado incorporado na súa programación de nadal non haxa completas garantías sanitarias”, esixiu. 

O edil nacionalista cargou tamén contra a opacidade do proceso de adxudicación no que mediou a anulación dunha primeira autorización para logo dar lugar a un presunto “concurso” no que só se habilitaba un día de prazo e cando xa estaban instaladas as atraccións e os postos. Tamén criticou que a adxudicación se formalizase por apenas “un euro” e preguntouse quen vai pagar a factura eléctrica dos postos e atraccións.

A moción nacionalista urxe a que o Goberno municipal practique as inspeccións e adopte as medidas necesarias para resolver esta situación. Tamén demandan que a concellaría de Comercio informe de maneira detallada no seguinte Pleno das actuacións realizadas e instan a que en próximas bases se inclúan cláusulas que garantan o respeito dos dereitos laborais e sindicais do persoal contratado, directa ou indirectamente, pola entidade ou empresa adxudicataria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.