O BNG de Vigo pide actuar xa diante do descontrol da pandemia na área sanitaria

Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir agardando máis tempo. Hai que actuar xa. Temos que priorizar a saúde e a vida das persoas por acima de todo”

Diante do descontrol da situación pandémica na área sanitaria de Vigo, onde xa se superaron os 3 mil casos activos (3153) e, singularmente, na cidade olívica cunha incidencia acumulada de 400, o Bloque Nacionalista Galego urxiu a actuar para despregar medidas adicionais que contribúan a frear a transmisión do coronavirus. A fronte nacionalista demandou ao alcalde a convocatoria dunha xuntanza urxente e ampliada do Comité Municipal de Seguimento da Covid19 e reitera a proposta, formulada pola portavoz nacional, Ana Pontón, de poñer en marcha un novo confinamento.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que a situación está descontrolada como reflicten os datos de evolución e o incremento da presión asistencial na cidade. Neste sentido, anunciou que se dirixirá hoxe ao alcalde para instalo a que convoque unha nova xuntanza do Comité de Seguimento Municipal pero aberto á participación dos voceiros de todas as forzas políticas con representación do Pleno. Igrexas subliñou que o Bloque leva desde o inicio da pandemia actuando desde unha total disposición á cooperación co Goberno local. “O que lle dicimos ao alcalde é que poña data, hora e lugar para esa xuntanza e alí estará o BNG para contribuír en positivo con ideas e propostas, para sumar esforzos e fortalecer a capacidade de resposta da cidade diante desta terceira vaga”, afirmou.

Aliás, o portavoz municipal nacionalista defendeu a necesidade de que Xunta e Goberno español actúen para frear a situación “poñendo a saúde por diante”. A este respeito reiterou a proposta, formulada desde hai varios días polo BNG a nivel galego, de que se poña en marcha un novo confinamento de 15 días acompañado de medidas efectivas e reais de axuda directa aos sectores que se poidan ver afectados por esta medida. “A primeira vaga da pandemia demostrou que cando a situación se descontrola como o está agora a única medida efectiva é un confinamento. É algo drástico e que vai ter impactos a nivel económico, pero é fundamental para protexer a saúde e a vida das persoas e evitar o colapso do sistema sanitario”, explicou.

“Non podemos seguir agardando máis tempo. Hai que actuar xa. Temos que priorizar a saúde e a vida das persoas por acima de todo”, remachou.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM