O BNG de Vigo pide explicacións ao Goberno municipal polo feche das pistas de atletismo en setembro

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denuncia que o concelleiro de Deportes faltou á verdade xa que non se consultou a todos os clubes. Tampouco se informou ao representante dos atletas nin á Federación.
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo pide explicacións ao Goberno municipal polo feche das pistas de atletismo en setembro

O BNG de Vigo anunciou esta mañá que pedirá explicacións ao Goberno municipal polo feche durante todo o mes de setembro das pistas de atletismo de Balaídos.  

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denunciou que algunhas das manifestacións feitas desde a concellaría de Deportes “non se corresponden coa realidade nin se axustan á verdade”. Neste sentido, Igrexas apuntou o feito de que non se falase con todos os clubes a respeito deste feche, nin que tampouco se consultase ao representante dos atletas nin á Federación.

“Imos preguntarlle ao Concello de Vigo que actuacións e que obras van xustificar que estean fechadas e sen servizo as pistas de atletismo durante todo o mes de setembro”, anunciou o edil nacionalista. Igrexas trasladou que a versión que coñecen por boca dalgúns atletas e clubes é moi diferente á oficial ofrecida pola concellaría. “O que nos din é que o que se fixo foi pospoñer o feche que habitualmente se facía en agosto, entendendo que ía xerar menos prexuízos en relación ao calendario de competicións da categoría absoluta”, explicou.

“Hai unha cuestión fundamental e é porque o Concello non pode manter abertas as pistas de atletismo de Balaídos, que son as únicas da cidade, durante todo o ano?”, inquiriu o voceiro do Bloque, sinalando que o persoal que atende as instalacións é o do IMD.

Prexuízos

A fronte nacionalista subliñou os graves prexuízos que esta decisión vai provocar no conxunto dos atletas, pero singularmente no caso das categorías inferiores. “As máis prexudicadas van ser as nenas e nenos, as mozas e mozos, do atletismo de base que non van poder facer uso das pistas para adestrar desde inicio de curso”, apuntou.

Tamén padecerán esta situación as persoas que están a preparar as probas físicas para diferentes oposicións públicas, como policía ou bombeiros, e que fan uso destas instalacións.

“Hai unha evidente falla de comunicación e de consulta cos propios atletas e os clubes, pero tamén unha clara neglixencia na xestión que impide que se faga uso das pistas en pleno mes de setembro, algo que non tiña precedentes”, remachou.

Una respuesta para "O BNG de Vigo pide explicacións ao Goberno municipal polo feche das pistas de atletismo en setembro"

  1. Gamela   01/09/2019 at 22:37

    30 millóns para o fútbol dan máis votos !
    https://flic.kr/p/2gkKdyz

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.