O BNG de Vigo propón destinar os 33 millóns de euros de remanentes a políticas sociais e axudas ao tecido comercial e cultural

Publicado por o día 10/11/2020 na sección de BNG,Concello de Vigo,Galicia,Política,Social,Vigo

O BNG de Vigo propón destinar os 33 millóns de euros de remanentes a políticas sociais e axudas ao tecido comercial e cultural

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha emenda á totalidade á proposta de modificación orzamentaria, promovida polo Goberno municipal de Vigo, para a utilización de 33 millóns de euros de remanentes. A fronte nacionalista propón que se dediquen a combater os efectos sociais e económicos da crise do coronavirus, alargando as políticas sociais e a axudas ao tecido comercial e cultural da cidade.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, xustificou a emenda sobre o criterio de que “estes recursos extraordinarios deben dedicarse a atender as necesidades prioritarias que se derivan da crise da Covid19, combatendo os seus graves efectos a nivel social, económico e laboral”.  “Non discrepamos de moitas das actuacións incluídas na proposta do Goberno, que son na súa maioría obras en diferentes rúas e ámbitos da cidade, pero consideramos que deben ser financiadas a cargo dos orzamentos ordinarios de 2021”, acrecentou.

Axudas sociais e apoio ao tecido comercial
A emenda nacionalista propón a creación dunha liña de axudas directas ao tecido comercial, PEME e persoas traballadoras autónomas por importe de 10 millóns de euros. Adicionalmente demandan destinar outros 2 millóns de euros a unha campaña de promoción do consumo local no pequeno e mediano comercio e na hostalaría da cidade.

No ámbito sociocultural propoñen, tal e como demanda o movemento veciñal da cidade, un programa extraordinario de apoio ás actividades formativas, culturais e deportivas prestadas por entidades sen ánimo de lucro, dotado con 1 millón de euros. Para evitar que o tecido e a industria cultural da cidade quede “desertizado” defenden unha liña de axudas directas a este sector por importe de 2,5 millóns de euros.

Co obxectivo de fortalecer e alargar as políticas sociais nun contexto de crecente empobrecemento e desemprego, o BNG inclúe na súa emenda dedicar 2 millóns de euros para a ampliación do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (albergue), para corrixir a súa estrutural insuficiencia no número de camas e brindar unha mellor atención á poboación sen teito. As nacionalistas demandan tamén a creación dun programa municipal de distribución de alimentos, toda vez moitas das entidades sociais que prestan estas axudas están superadas pola demanda, e unha liña extraordinaria de axudas de garantía habitacional para persoas empobrecidas ou en situación de exclusión social, con 4,5 e 6 millóns de euros respectivamente.

Dedicar 2 millóns de euros á cubrición de parques infantís e áreas de esparcemento social, para permitir a utilización segura destes espazos ao aire libre tamén nos días de choiva, ou atender as necesidades extraordinarias derivadas da Covid19 dos centros educativos públicos da cidade, con 3 millóns de euros, completan a proposta alternativa do Bloque.

“O Concello ten que mobilizar todos os recursos, medios e capacidades dos que dispón para combater os efectos sociais e económicos da pandemia. E estes 33 millóns de euros de remanentes teñen que dedicarse a esa finalidade e non a outros usos”, resumiu Igrexas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.