O BNG de Vigo propón que se estude a instalación de canceladoras da tarxeta Pass na porta traseira dos buses

Instan a supervisar a instalación de mamparas de protección para asegurar a súa homologación, o reforzo con máis frecuencias para reducir a afluencia de viaxeiros nos buses e que se manteñas os servizos hixiénicos instalados para o persoal condutor.
Publicado por o día 19/05/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo propón que se estude a instalación de canceladoras da tarxeta Pass na porta traseira dos buses

O BNG volveu demandar hoxe que o Goberno municipal de Vigo atenda as peticións do Comité de Empresa de Vitrasa no que ten a ver coas medidas preventivas para evitar contaxios por coronavirus nos buses urbanos.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, instou o executivo local a supervisar a instalación de mamparas de protección nos buses para asegurar a súa homologación. “Non temos certeza nin seguridade de que reúnen as especificacións técnicas para ser eficaces na prevención de contaxios, protexendo o persoal condutor e as viaxeiras e viaxeiros, e que non afecten negativamente á condución”, explicou.

Desde a fronte nacionalista defenden a necesidade dun maior reforzo do servizo de buses, con máis vehículos para aumentar as frecuencias nas principais liñas co obxectivo de alixeirar o número persoas viaxeiras e permitir que se garde a distancia social de seguridade.

Como medida adicional, Igrexas propón que o Concello estude a instalación de máquinas canceladoras para a tarxeta Pass e moedeiro tamén no acceso traseiro dos vehículos, que agora é o único habilitado, como xa sucede noutras cidades europeas. Con esta medida sosteñen que podería desconxestionarse o acceso de viaxeiros e a súa mellor distribución nos buses, evitando aglomeracións.

O Bloque tamén expresou o seu apoio á demanda do Comité de Empresa de Vitrasa para que se manteñan os servizos hixiénicos, instalados por causa do estado de alarma en diferentes puntos da cidade, para uso do persoal condutor. “É unha vella reivindicación do persoal e cremos que non ten sentido retiralos cando por fin se instalaron”, defenden.

Comentar noticia

Your email address will not be published.