O BNG de Vigo propón unha Estratexia local de Promoción Económica e do Emprego para enfrontar os efectos da crise da Covid-19

Xabier P. Igrexas: “Temos que evitar que as consecuencias da crise do coronavirus se traduzan na destrución de emprego, no feche do tecido comercial ou na desertización da nosa base produtiva”.
Publicado por o día 15/04/2020 na sección de Galicia,Vigo

O BNG de Vigo propón unha Estratexia local de Promoción Económica e do Emprego para enfrontar os efectos da crise da Covid-19

Na perspectiva de que unha vez superada a emerxencia sanitaria do coronavirus a cidade de Vigo enfrontará unha situación moi complexa en termos económicos, produtivos e laborais, o Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer que o Concello de Vigo poña en marcha unha Estratexia de Promoción Económica e do Emprego.

Temos que evitar que as consecuencias da crise do coronavirus se traduzan na destrución de emprego, no feche do tecido comercial ou na desertización da nosa base produtiva”, reivindicou o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. Nese sentido, chamou a “redobrar esforzos, poñendo todos os medios e activar todas as capacidades que ten o Concello para asegurar que unha vez que superemos a crise sanitaria as consecuencias laborais, produtivas e económicas sexan as menores e esteamos en condicións dunha recuperación rápida e sólida”, acrecentou. 

Sobre ese obxectivo, a fronte nacionalista propón unha serie de medidas concretas entre as que inclúen redimensionar os programas do actual Plan Municipal de Emprego duplicando a súa dotación orzamentaria. 

Para facilitar a liquidez necesaria que permita o reinicio da actividade comercial e das PEMEs da cidade, defenden a creación dunha liña de axudas directas, por importe de até 1.500 euros, para autónomos, sector comercial e pequena e mediana empresa. Aliás, suxiren que o Concello promova, a través do convenio con algunha entidade financeira, a creación dunha liña de microcréditos municipais para o pequeno comercio que forneza de préstamos sen xuros de até 5 mil euros, a devolver nos próximos 5 anos.

Outra das medidas que propoñen é a modificación das ordenanzas fiscais municipais para habilitar, con carácter extraordinarios, bonificacións e o pago aprazado sen recargo no ano natural en impostos e taxas como o IBI, o recibo da auga ou a recollida do lixo para PEMEs e autónomos. 

Igrexas chamou tamén a acordar, a través da Mesa Local do Comercio e coa participación das asociacións de comerciantes, as medidas necesarias para a promoción do consumo no comercio local. “É claro que o pequeno comercio é quen máis se vai resentir desta crise, e desde o BNG apostamos por fortalecelo”, explicou o portavoz municipal nacionalista, subliñando que é ese tecido comercial de proximidade “o que vertebra a cidade, dinamiza os barrios e parroquias e crea emprego estábel”. 

Por último, as nacionalistas sosteñen que é fundamental despregar un plan de continxencia específico para a protección do tecido e da industria culturais da cidade, contando co participación dos colectivos e axentes culturais co obxectivo de garantir a continuidade da actividade cultural na cidade. “Para Vigo a cultura é unha actividade estratéxica e na que temos un enorme potencial. Non podemos abandonala”, xustificou Igrexas.