O Bloque Nacionalista Galego expresou esta mañá o “profundo desacougo” diante de como se está a xestionar por parte do Sergas o surto de contaxios de Covid19 rexistrado no Hospital do Meixoeiro en Vigo. A fronte nacionalista urxe ao Sergas a actuar con transparencia e protocolos claros para conter a transmisión e protexer tanto a pacientes como a persoal sanitario.
O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, declarouse “alarmado” polas informacións que están a transcender publicamente e tamén polas denuncias que está a recibir por parte do propio persoal sanitario. “Até o momento contabilizaronse oficialmente 37 casos positivos, atinxindo tanto a pacientes como a persoal sanitario, pero hai un número importante de casos dubidosos”, alertou.
Igrexas denunciou a “absoluta opacidade” coa que está a actuar a xerencia da Área Sanitaria, tal e como lle trasladaron a nivel sindical. Aliás, o portavoz municipal nacionalista amosou a súa preocupación pola reacción da dirección do Sergas. “O persoal sanitario que tivo contacto estreito cos positivos confirmados non está a ser illado de ningunha maneira, mesmo en casos nos que presentaba algunha sintomatoloxía que podería ser ostensíbel de coronavirus. Non só iso, senón que ademais obrigáselle ao persoal a traballar movéndose en diferentes ámbitos e andares do hospital”, advertiu.
Desde o Bloque demandan ao Sergas que actúe “co máximo rigor” e aplique protocolos claros que permitan protexer a saúde de pacientes e do propio persoal sanitario.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.