O BNG de Vigo urxe a actuar para que non se siga traballando nos centros de chamadas e outras empresas sen medidas preventivas

Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que se poña en risco a saúde de centos de traballadores e traballadoras polo capricho irresponsábel das empresas”
Publicado por o día 18/03/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo urxe a actuar para que non se siga traballando nos centros de chamadas e outras empresas sen medidas preventivas

Diante da situación que se está a vivir en moitos centros de traballo da cidade de Vigo, onde non se están a respeitar as mínimas garantías preventivas fronte o coronavirus, e concretamente pola situación límite no sector dos centros de chamadas que representa máis de 2 mil empregos, o Bloque Nacionalista Galego vén de esixir ás autoridades competentes que actúen de inmediato. “É intolerábel que se continúe a permitir que se traballe sen as mínimas condicións de seguridade e saúde laboral, e que en medio dunha alerta sanitaria, baixo un estado de alarma fronte a unha pandemia sen precedentes, a autoridade laboral olle para outro lado e a Xunta de Galiza non exerza as súas competencias”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas preguntouse que “está a facer a Inspección de Traballo e a que está a esperar a Dirección Xeral de Saúde Pública”. O edil nacionalista urxe a que naqueles centros de traballo onde non se garantan as condicións preventivas se proceda á súa clausura. Aliás, cualificou de “irresponsábel” o empresariado por “poñer por acima o seu lucro privado mesmo sobre o dereito a saúde do seu persoal”, especialmente en sectoers como os centros de chamadas que polas súas características organizativas e produtivas podería manter o servizo a través do teletraballo

Unísono

Despois de se confirmar o primeiro positivo en Covid19 nun dos centros de chamadas da empresa Unísono, tras varios días de denuncias por parte do seu persoal de que se estaban a incumprir de maneira grave e reiterada os protocolos preventivos, o Comité de Empresa decidiu esta mañá, ao abeiro do artigo 21 da lei de prevención de riscos laborais, suspender a actividade. No entanto, a empresa négase até o momento a proceder ao feche e tería ameazado ao seu persoal con sancións no caso de que se ausenten. 

Desde o BNG manteñen unha interlocución continua cos representantes sindicais na empresa, e denuncian a “impunidade obscena” coa que actúa a dirección de Unísono. “Fronte unha pandemia, esta empresa impón os seus intereses sobre a saúde e non llo podemos tolerar”. 

O dereito dos traballadores e traballadoras á saúde e garantir a efectividade das medidas de prevención colectiva, como o confinamento, non se poden ver ameazados por decisións empresariais nin pola inacción da Inspección de Traballo e de Sanidade”, afirmou Igrexas advertindo de que desde este momento as nacionalistas farán responsábeis as autoridades competentes de calquera consecuencia de manter a actividade nesta situación.

Xabier P.Igrexas manifestase ante o que acontece nos centros de chamadas

O Bng de Vigo urxe a actuar para que non se siga traballando nos centros de chamadas e outras empresas sen medidas preventivas.

Publicada por Noticias de Vigo en Miércoles, 18 de marzo de 2020

Comentar noticia

Your email address will not be published.