O BNG de Vigo urxe a convocatoria das prazas pendentes para garantir un servizo de bombeiros de calidade

“Demandamos que o goberno municipal faga o que non está a facer que é gobernar, xestionar e tomar decisións”, di Xabier P. Igrexas, candidato do Bloque, que esixe a posta en marcha das OPE de 2017, 2018 e 2019.
Por o 08/02/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG de Vigo urxe a convocatoria das prazas pendentes para garantir un servizo de bombeiros de calidade

O BNG mantivo unha reunión con representantes da sección sindical da CIG nos bombeiros de Vigo para coñecer de primeira man a súa preocupación polo deterioro do servizo perante a falta de persoal. Xabier P. Igrexas, candidato do Bloque á alcaldía analizou a situación con Miguel Ucles e Fernando Solveira, bombeiros da sección sindical, constatando que hai unha clara insuficiencia nos medios que non garanten debidamente os operativos de urxencia da cidade coa axilidade e seguridade que deberían e sobrecargan o plantel existente.

O candidato do Bloque esixe que se tomen medidas por parte do goberno municipal que permitan garantir un servizo de calidade e iso pasa, segundo apuntou, por dotar á unidade de bombeiros coa totalidade das prazas que lle corresponden, unhas 150 das que aproximadamente un terzo, recorda o candidato, están sen cubrir: “É un mínimo urxente e unha cuestión que hai que resolver de maneira inmediata”, di o candidato da fronte nacionalista. Ademais, recorda, que hai unha recomendación comunitaria a nivel europeo que, en función da nosa poboación, suporía duplicar esas 150 prazas. “Esiximos ao goberno que actúe, tome medidas e que adopte as decisións necesarias para garantir, coa maior brevedade posible, que as 150 prazas se cubran”.

Igrexas ve prioritario que se poñan en marcha as ofertas públicas de emprego (OPE) pendentes de 2017, 2018 e do actual 2019 que son un claro síntoma da falta de xestión do actual executivo. “Demandamos que o goberno faga o que non está a facer que é gobernar, xestionar e tomar decisións”, enfatiza. Neste sentido para o candidato nacionalista a convocatoria destas OPE é unha cuestión ineludíbel para evitar situacións como as que estamos a vivir nos últimos meses nas que non se cumpre o operativo mínimo de 20 que ten que haber entre os dous parques, o de Teis e o de Balaídos. “En lugar dos 20 mínimos, que hai días en que a cifra non chega a 12 chegando a provocar o feche do parque de Balaídos” lembrou. Unha situación que prexudica o servizo impedindo actuar con rapidez as urxencias nunha parte importante do territorio da cidade.

Actuar xa

O BNG recorda que esta situación pode empeorar nos próximos anos coas inminentes xubilacións que se van dar. Así, no ano 2024 están previstas arredor de 50 baixas e coa oferta prevista polo de agora, estas baixas non estarían nin de lexos cubertas: “ Compre actuar xa, con celeridade e decisión. Urximos o goberno municipal para que se convoquen esas oposicións que garantan o servizo de bombeiros que precisa unha cidade como Vigo con 300.000 habitantes”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.