O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir a Xunta de Galiza a intervir de maneira inmediata as residencias de maiores, en resposta ao grave aumento de casos de contaxio por coronavirus rexistrado nos últimos días na cidade de Vigo.
“Neste momento temos 46 residentes contaxiadas e contaxiados, aos que hai que engadir outros 18 positivos entre o persoal” explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen apuntou que estes casos afectan fundamentalmente á residencia privada Ballesol mais tamén á residencia asistida do Meixoeiro (CPRAD 2).
Igrexas lembrou que “o BNG levamos moitas semanas advertindo ao Goberno galego do Partido Popular que había que actuar, para evitar volver vivir o que xa vivimos na primeira vaga de contaxios”. Neste sentido, remarcou que o pasado 24 de setembro a portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, xa esixira que se intervisen todas as residencias privadas.
O portavoz municipal nacionalista urxiu a intervención pública das residencias “para dotalos de maiores garantías preventivas, de máis medios materiais e de máis persoal” co obxectivo, dixo, de “evitar que se volvan converter na zona cero da pandemia”. “Hai que protexer os e as nosas maiores”, acrecentou.
Inacción da Xunta
Desde a fronte nacionalista critican con dureza a “total inacción” da Xunta diante da situación que se está a producir e que era previsíbel con base na experiencia dos meses de marzo e abril. .
Noticias de última hora en Vigo