O BNG de Vigo urxe tomar medidas para aplicar as novas reducións de aforo nos buses urbanos

Publicado por o día 07/11/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo urxe tomar medidas para aplicar as novas reducións de aforo nos buses urbanos

A poucas horas de que inicie a aplicación das novas medidas restritivas decretadas pola Xunta de Galiza para enfrontar a segunda vaga da Covid19, o Bloque Nacionalista Galego urxe o Goberno municipal de Vigo a adoptar medidas en relación á redución de aforo nos buses urbanos.

Segundo o recollido na orde da Consellaría de Sanidade, a capacidade dos autobuses debe reducirse ao 50% das prazas con asento e a unha sexta parte do máximo de pasaxeiras e pasaxeiros de pé. “Isto suporá pasar do máximo de 44 persoas que en teoría, pero non na práctica, se estaba aplicando até agora a apenas 26 prazas”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas volveu demandar do Goberno municipal que actúe sobre “un servizo que é de titularidade municipal e que resulta esencial para a veciñanza”. No concreto, volve demandar que se garanta o respeito aos aforos máximos e as condicións preventivas e que se reforcen as frecuencias e liñas de maior afluencia para atender as necesidades de mobilidade da cidadanía. “Non é aceptábel que sigamos vendo buses ateigados e ao tempo nas cocheiras de Vitrasa haxa até 20 buses parados sen circular”, reprochou.

Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista, alertou de que segundo a información da que dispón a empresa concesionaria inda non trasladou ningunha instrución ao persoal condutor en relación aos novos aforos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.