O BNG de Vigo volve pedir que non se inicien as obras do túnel de Elduayen até que se estuden outras alternativas

Publicado por o día 20/10/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo volve pedir que non se inicien as obras do túnel de Elduayen até que se estuden outras alternativas

Após se dese a coñecer que o Tribunal Administrativo da Contratación Local admitise a trámite as alegacións formuladas polo colectivo Vigo Histórico en contra do proxecto de túnel de Elduayen, o BNG volveu pedir ao Goberno municipal que non inicie as obras até estudar alternativas a esta intervención. “Pedimos, de novo, que se paralice a execución do proxecto até avaliar todas as opcións técnicas, que se inicie un diálogo real coa veciñanza afectada e cos colectivos do barrio e que se someta a exposición pública o proxecto definitivo”, explicou o concelleiro, Xabier P. Igrexas.

O voceiro nacionalista volveu demandar que o proxecto de peonalización garanta a seguridade dos inmóbeis afectados e que non se limite á Porta do Sol e atinxa tamén ao Paseo de Afonso XII. “O principal miradoiro urbano, un balcón privilexiado á nosa Ría como o Paseo de Afonso non pode quedar fóra desta peonalización”, defendeu. A este respeito desde o Bloque advirten de que o momento para incorporar este ámbito para facer unha actuación “verdadeiramente integral” é antes do inicio das obras para evitar unha “chapuzada millonaria”. “Escoitamos estes días ao alcalde abrirse á posibilidade de que o Paseo sexa tamén peonil. A pregunta é por que hai que esperar? Por que non se pode facer conxuntamente?”, inquiriu o concelleiro do Bloque, que alertou que co actual deseño do túnel “moi dificilmente se poderá facer o Paseo peonil nun futuro”.

A formación nacionalista fai propias as críticas formuladas polo movemento ecoloxista advertindo de que soterrar o tráfico rodado non é a solución. “Non queremos meter o tráfico debaixo da alfombra, o que se precisa é retirar vehículos das rúas e iso pasa por peonalizacións reais e por mellorar substancialmente a alternativa do transporte colectivo”, argumentan.

Igrexas lembrou que todas estas peticións xa se formularon nunha moción que foi rexeitada no Pleno da corporacións “cos votos do PSOE e tamén do PP”. No entanto, a fronte nacionalista, defende que unha actuación tan importante como a “peonalización do quilómetro cero da cidade”, que reiteran conta co “total apoio do BNG”, ten que acometerse procurando o máximo consenso social, veciñal e político. “Ten que ser un proxecto de cidade, non dun Goberno ou dun partido”, reclamou o edil nacionalista.

Diálogo

Por outra banda, o portavoz municipal do BNG volveu facer un chamamento ao diálogo. “O goberno municipal ten que sentarse coa veciñanza e co tecido asociativo. A falar, a dialogar, a escoitar”, demandou.

A este respeito Igrexas amosouse duramente crítico cunhas recentes manifestacións do alcalde, Abel Caballero, nas que ademais de desprezar os colectivos sociais chegou a ameazar con facer pública a relación de nomes das persoas que se opoñen ao proxecto do túnel. Unhas declaracións que para Igrexas son “máis propias dun delator falanxista que dun alcalde democrático”, polo que urxiu o rexedor a retiralas e desculparse. “É intolerábel que se ameace con listas negras a viguesas e vigueses que libre e democraticamente expresan a súa opinión sobre unha actuación municipal”, remachou.

Pérez Igrexas retou o Goberno municipal a demostrar que o seu proxecto de túnel de 17 millóns de euros para 200 metros de peonalización conta co apoio real da cidadanía. “Que o sometan a exposición pública para que a veciñanza poida dar o seu parecer. A que lle teñen medo?”.

Una respuesta para "O BNG de Vigo volve pedir que non se inicien as obras do túnel de Elduayen até que se estuden outras alternativas"

  1. Gamela   21/10/2019 at 7:47

    É intolerábel que se ameace con listas negras a viguesas e vigueses!!!

    Vigo leva demasiado tempo consentindo a Minería de Datos por parte do Concello e empresas amigas (TeleVigo) un simple número de teléfono é suficiente para controlar á disidencia nos tempos do BigData !

    Pero todos somos responsables de permitir este control social da cidadanía!

    — Gostaríame saber o que van sacar da APP do Concello ?

    https://i.gal/gamela21

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.