O BNG demanda a implicación de todas as administracións para completar definitivamente a rexeneración da Ría de Vigo

A fronte nacionalista reclama un maior investimento tanto da Xunta como do Goberno español, para tomar as medidas necesarias que poñan fin ás verteduras de auga sen depurar.
Por o 08/02/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG demanda a implicación de todas as administracións para completar definitivamente a rexeneración da Ría de Vigo
Compartir en:

Hai escasas semanas a comisión de peticións do Parlamento Europeo decidía manter aberta a petición encabezada polo BNG e por distintos colectivos en defensa da ría para estudar se o informe comunitario sobre o estado das nosas augas está a cumprirse. Hoxe, eses mesmos colectivos e responsables municipais do BNG dos distintos concellos reuníronse  xunto a Xabier P. Igrexas, candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Ana Pontón, portavoz nacional da fronte nacionalista e mais a eurodeputada Ana Miranda, para continuar a traballar sobre un asunto que cualificaron de fundamental. A conclusión ao termo do encontro foi unánime: non se pode dar nin un paso atrás na defensa do estado da ría de Vigo e todos e todas teñen que seguir a traballar para lograr a súa rexeneración completa e definitiva.

Xabier P. Igrexas cualificou de “preocupantes e irresponsábeis” as declaracións vertidas por Abel Caballero e López Veiga que negaron unha vez máis a existencia dun problema real. Os nacionalistas recoñecen os avanzos producidos tras a posta en marcha da nova EDAR, mais denuncian que a incapacidade da nova depuradora de atender o caudal de auga os días de choiva produce que se vertan augas sen tratar ao mar.  O candidato nacionalista quixo referirse tamén aos distintos vertidos que se producen na cidade: “Un dato preocupante é que 9 de cada 10 verteduras de auga sen tratar se producen en terreos da autoridade portuaria”.

A formación nacionalista reclama que tanto Xunta como Estado acheguen un maior investimento para completar o saneamento da Ría de Vigo. “Vimos de comprobar como nos orzamentos xerais hai cero euros para tratar este problema”, denunciou Igrexas. O candidato do Bloque á alcaldía da cidade olívica tamén volveu reclamar unha maior implicación por parte do goberno municipal, “primeiro recoñecendo o problema e segundo poñendo enriba da mesa un plan de investimentos, coa achega doutras administracións para abordar de maneira urxente e necesaria a separación das augas pluviais e fecais na rede de saneamento da cidade”, algo fundamental para evitar que a EDAR siga “aliviando” augas sen depurar, tal e como recomenda a directiva marco da auga da Unión Europea.

Defensa de Vigo

Nas declaracións recollidas despois da reunión, Ana Miranda rexeitou de plano as críticas e descualificacións recibidas por parte de Caballero e López Veiga, asegurando que ninguén pode acusala nin a ela nin Xabier P. Igrexas de non querer á ría pois “ambos os dois somos vigueses traballando por e para Vigo, defendendo os intereses da nosa cidade, e seguiremos a facelo desde Bruxelas, no  Parlamento galego, diante do Estado e tamén no Concello de Vigo a partir do próximo 26 de maio”, afirmou.

Ana Pontón, pola súa banda, sostivo que os avances producidos no relativo ao saneamento da Ría de Vigo seguen a ser “insuficientes para que disfrutemos de todo o potencial que ten a ría e que ten que haber unha maior dotación económica” algo que van reclamar o vindeiro martes no Parlamento de Galiza. “Hai uns orzamentos xerais do estado que son unha auténtica labazada na cara dos galegos e as galegas. Imos reclamar este vindeiro martes que haxa un maior investimento para o saneamento e o saneamento das nosas rías que permita que as depuradoras cumpran a súa función e non a contraria”, acrecentou a voceira nacional do BNG.

Debate aberto en Europa

O debate continuará no Parlamento Europeo no mes de marzo, data na que o informe de situación da Ría de Vigo vai ser reexaminado e onde o grupo nacionalista xunto aos distintos colectivos ecoloxistas van presentar novos datos. Ana Miranda aproveitou para recordar que a reapertura do informe foi apoiada tamén polo partido socialista europeo, “os colegas europeos de Abel Caballero”. Quixo aproveitar tamén para agradecer publicamente o traballo da Plataforma en defensa da Ría de Vigo e insistir en que cinco anos despois sigue a haber un problema real e que o que vai buscar o BNG “son solucións, non multas nin sancións,  con máis investimento e compromiso por todas as administracións”.  

Comentar noticia

Your email address will not be published.