O BNG demanda á xunta equipas estables para valorar ás persoas con discapacidade en Pontevedra, con lista de espera superior a 2 anos

Prado: “É un problema estrutural que non se soluciona con remendos de contratación temporal”
Publicado por o día 03/10/2018 na sección de BNG,Política

O BNG demanda á xunta equipas estables para valorar ás persoas con discapacidade en Pontevedra, con lista de espera superior a 2 anos

A portavoz de Sanidade e Asuntos Sociais, Montse Prado, reclamou no Parlamento equipas de profesionais estables e permanentes para levar a cabo a valoración das persoas con algún tipo de diversidade funcional na provincia de Pontevedra que, a día de hoxe, soportan listas de espera superior aos dous anos, agás cando se trata de menores ou persoas maiores, onde a lei marca que a valoración debe estar resolta en tres meses.

Estas esperas, denunciou Prado, teñen unha enorme repercusión na vida das persoas afectadas, que non poden acceder as axudas e as medidas de apoio, que poderían paliar alomenos en parte a súa situación mentres non conten coa valoración.

“Non poden desenvolver a vida con normalidade, con frecuencia son expulsadas do mercado laboral, persoas que ven reducidos os seus ingresos mentres aumentan os gastos en atención sanitaria e farmacéutica, que teñen diminuída a súa mobilidade pero que non contan coa acreditación que lles permitiría ter acceso a prazas específicas de aparcamento ou a determinados empregos”, explicou Prado, “a eses milleiros de persoas na provincia de Pontevedra, en particular na capital e en Vigo, non lles é indiferente que estea ou non a valoración feita”.

A deputada criticou que ante un problema estrutural, a Xunta dese unha resposta a base de “remendos” coa contratación de equipas temporais e denunciou, ademais, as instalacións “inmundas” nas que o Goberno galego ubicou o servizo.

“Non se soluciona o problema a base de remendos, de parches e de actuacións erráticas”, denunciou, “nin con contratación temporal de equipas de profesionais que son despedidos cada seis meses xusto cando teñen a dinámica do traballo controlada e chegan novos profesionais e volta a empezar, porque estamos falando dun problema estrutural que necesita unha contratación permanente e estable”.

Prado tamén preguntou ao secretario xeral da Consellería de Sanidade, Francisco Javier  Abad Pardo, como é posible que este servizo este ubicado “en dependencias que non compren os estándares mínimo, tendo en conta ademais as persoas usuarias, unhas instalacións inmundas, ocupadas antes pola Cruz Vermella ás que pouco máis fixeron que darlle unha man de pintura, por que esa decisión cando hai espazo suficiente para un servizo digno no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra”, preguntou.

O representante da Xunta non contestou a ningunha das preguntas da deputada, non aclarou se ía a seguir coa contratación temporal de profesionais para un servizo que debe ser permanente, nin sobre a ubicación do servizo. Limitouse a dar datos do Ministerio de Sanidade sobre valoracións de persoas con algún tipo de discapacidade, “porque nin sequera teñen datos propios”, lamentou Prado.