O BNG demanda que se poña fin ao abandono da ETEA

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, aposta por facer da antiga ETEA “un grande espazo de esparcemento ao pé da ría para desfrute da veciñanza de Teis e de todas as viguesas e vigueses”.
Por o 11/10/2018 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG demanda que se poña fin ao abandono da ETEA

O Bloque Nacionalista Galego realizou esta mañá unha visita ás instalacións da antiga ETEA. Na visita participaron o candidato do Bloque á alcaldía, Xabier P. Igrexas, e o responsábel local da formación nacionalista, Serafín Otero, acompañados por varios membros da xunta directiva da Asociación Veciñal de Teis.

Durante o percorrido comprobaron o “lamentábel estado de abandono” que presenta con abondosa maleza, socavóns no pavimento e falla de mantemento de instalacións infantís e deportivas. Aliás, comprobaron as deficiencias no acceso da praia da ETEA e o risco que presenta a torre de vixianza que fica inoperativa.

“Estamos nun enclave privilexiado, ao pé da Ría de Vigo, e que debe ser un grande espazo de esparcemento e desfrute público, tanto para a veciñanza de Teis como para o conxunto das viguesas e dos vigueses”, defendeu Igrexas ao remate do encontro.

Igrexas cargou contra a inacción da Xunta de Galiza denunciando que “o estado de abandono da ETEA é un exemplo clamoroso da falla de compromiso da Xunta do Partido Popular coa cidade de Vigo”. Ademais, criticou tamén a incapacidade dos gobernos municipal e galego para cooperaren en favor da revitalización do enclave. “Vemos como na lea partidista entre Caballero e Feixóo quen perde sempre é a veciñanza de Vigo”. O candidato do Bloque urxiu a ambas as dúas administracións a atender de inmediato as reiteradas demandas da Asociación Veciñal de Teis en relación á ETEA.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.