O BNG demandará no Parlamento de Galiza a derrogación da Lei Mordaza para evitar casos como o de Carlos e Serafín

“Hai que poñer fin a un marco legal de excepción que colida co exercicio de dereitos fundamentais como a folga, a manifestación e a liberdade de expresión”, denuncia o candidato á alcaldía Xabier P.Igrexas
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG demandará no Parlamento de Galiza a derrogación da Lei Mordaza para evitar casos como o de Carlos e Serafín

Diante do indulto parcial que o goberno español lle concedeu a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez para correxir unha sentenza que o BNG califica de inxusta, a fronte nacionalista vén de presentar unha Proposición non de Lei no Parlamento de Galiza para a derrogación da chamada Lei Mordaza e a retirada do artigo 315.3 do Código Penal, para que situacións deste tipo non se volvan repetir nun futuro. Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa Xabier P. Igrexas, candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, e Montse Prado, deputada no Parlamento Galego que explicaron os motivos polos que presentan esta iniciativa.

O BNG pide así a derrogación dunha lei que prometeu suprimir o actual goberno socialista e que coas xerais á volta da esquina segue en vigor, vulnerando dereitos fundamentais como son o dereito á folga: “Demandamos que se poña fin a este marco legal de excepción que colida co exercicio de dereitos fundamentais que son clave de bóveda dun réxime político que se poida cualificar de democrático”, di Pérez Igrexas, “para que ningún traballador nin traballadora teña que pasar polo calvario que veñen de pasar estes dous compañeiros”, engade.

Dereitos democráticos

A deputada nacionalista Montse Prado afirmou que “non podemos ter en vigor unha lexislación que vulnera dereitos fundamentais e democráticos que o busca é paralizar a resposta social e atemorizar á sociedade e ao movemento obreiro e aos colectivos estudantís”, unha lei aprobada polo Partido Popular no 2015 e que catro anos despois, e cun goberno socialista e obreiro, segue en vigor. Prado califica así de regresiva este lei que “impide dereitos como o de reunión ou expresión e que nega incluso a presunción de inocencia”, denuncia. E esixe ao parlamento galego que non se manteña á marxe do debate dunha cuestión que non pode seguir relegada a un segundo plano.

Para a deputada da fronte nacionalista debátese algo tan importante como a capacidade da sociedade de revelarse contra todas esas cuestións que lle resultan inxustas e que non

poden ser obxecto de represión como pasou con Carlos e Serafín ou como acontece todos os días con colectivos que reciben multas excesivas polo simple feito de manifestar algo co que non están de acordo: “O que buscan é desmobilizar a unha sociedade que se revela diante das agresións continúas e por iso non podemos deixar esta cuestión na gabeta”

A lei Mordaza, di Montse Prado, vai inserida nun paquete de reformas contra a maioría social como a reforma laboral, a de ensino ou a das pensións. “O que buscou o poder foi un colchón xurídico no que descansara a represión policial, por iso a necesidade de implementar esta lei e por iso a necesidade de derrogala”, acrecenta. E para a deputada nacionalista que esta lei siga en vigor ten unha explicación clara: “O poder precisa ter estes recursos para impedir que a maioría social poida revelarse contra estas medidas”, reitera.

Axenda política

A proposición nacionalista tenciona que a cuestión faga parte da axenda política precisamente nun contexto de eleccións xerais. “O PP e o PSOE, que concordaron co indulto, teñen que retratarse e dicir se van impedir que persoas inocentes poidan correr o risco de ir a prisión por facer folga ou manifestarse”, retou Pérez Igrexas.

No concreto, a iniciativa propón que o Parlamento inste ao Goberno galego a dirixirse ao executivo español para a derrogación inmediata da Lei Mordaza, a reforma do Código Penal para suprimir o artigo 315.3, sobreseendo as causas xudiciais abertas e anulando todas as condenas xudiciais ditadas na súa aplicación. Aliás, a formación nacionalista demanda que o Goberno galego, no exercicio das súas competencias como Autoridade Laboral “actúe de maniera efectiva para garantir o exercicio dos dereitos e liberdades sindicais, e singularmente, o dereito a folga”.