O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha iniciativa no Congreso instando o Ministerio de Sanidade e as autoridade sanitarias competentes a realizar unha investigación sobre a observancia dos protocolos sanitarios por parte da Liga de Fútbol Profesional para que, se se apreciar neglixencia nas súas actuacións, iniciar o correspondiente procedemento sancionador por vulnerar as medidas de protección sanitarias estabelecidas polo Goberno.
O BNG denuncia que a Liga de Fútbol Profesional non comunicou ás autoridades sanitarias correspondentes a detección de varios positivos por COVID19, un xogador e tres do corpo técnico, ocultando información de vital importancia para a saúde da poboación xeral e facendo prevalecer o interese comercial e empresarial da Liga sobre a saúde pública. “Esta actitude neglixente e irresponsábel por parte da Liga debe ser investigada para garantir que a saúde se antepoña sempre ao interese económico dos clubs e marcas comerciais implicadas” salientou o deputado Néstor Rego.
O BNG solicitou ao Goberno que se esclarecese se o Consello Superior de Deportes tiña coñecemento da detección dos casos positivos da COVID19 no cadro de xogadores do Club de Fútbol Fuenlabrada e se aínda así permitiu o desprazamento dos xogadores en lugar de comunicar ás autoridades sanitarias a situación para determinar o seu confinamento preventivo por razóns de saúde pública xeral.
O nacionalistas denuncian que se permitise que o equipo visitante se desprazase en avión desde Madrid, onde entrou en contacto con outros pasaxeiros e pasaxeiras, e á súa chegada se aloxase nun céntrico hotel da cidade, onde tamén se hospedaban outras persoas e que se lles permitise realizar as súas actividades con normalidade -incluído saír do hotel-, pondo en risco a saúde xeral ao expor a poboación a un posíbel contaxio.
Néstor Rego advertiu que “a posibilidade dun rebrote, ademais de pór en risco a saúde dos cidadáns e cidadás da Coruña, tamén suporía un duro golpe para a economía dunha cidade que aínda se está recuperando da crise social e económica provocada pola emerxencia sanitaria”.
O BNG urxe no Congreso a intervención pública de Alcoa
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, voltou a interpelar directamente a Ministra de Industria a través dunha pregunta oral se o Goberno español contempla a intervención pública de Alcoa para nacionalizar a planta de San Cibrao e garantir así a continuidade da actividade e dos postos de traballo.
Unha vez máis, a Ministra de Industria, Reyes Maroto, eludiu pronunciarse ante esta cuestión que lle lanzou o deputado nacionalista. O BNG lamenta que o Goberno non teña a vontade e a determinación política para unha intervención pública que garanta manter a produción de aluminio primario e os empregos na comarca.
Rego lembrou que o día 23 finaliza o prazo de negociación do ERE sen que neste tempo houbese avances que permitan vislumbrar unha solución pactada para a continuidade da planta de Aluminio en San Cibrao. Pola súa parte, a empresa, a pesar de recentes anuncios demagóxicos que incluso vende como inicio da solución a paralización das cubas, non se move un ápice do seu propósito de pechar a planta.
“Rexeitou a proposta de vender e a de buscar investidores ou socios enerxéticos” salientou o deputado do BNG en referencia a Alcoa. O propio Secretario Xeral de Industria, Raúl Blanco, recoñeceu aos traballadores que constata que Alcoa non quere continuar “ofrézaselle o que se lle ofreza” -palabras textuais do Secretario Xeral- polo que todo indica que ten un camiño moi marcado para o seu fechamento.
Por tanto, a única alternativa para salvar a actividade industrial na comarca da Mariña é a intervención pública da planta de aluminio para garantir a continuidade da produción de aluminio primario e salvagardar os postos de traballo. Rego destacou que non hai impedimento legal e que son os gobernos español e galego os que teñen nas súas mans facelo. “Xa non serve escudarse na inacción do outro, o Ministerio ten que desenvolver o seu Plan Industrial e executalo en colaboración co Goberno da Galiza.” subliñou o deputado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.