O BNG denuncia que a indemnización a Vitrasa foi unha escusa falsa para aprobar unha prórroga que hipoteca a cidade cun servizo “dos anos 90 do século pasado”

A fronte nacionalista asegura que o anuncio de Caballero de que a compensación á concesionaria polas perdas derivadas da Covid19 será a cargo de fondos estatais, demostra que a prórroga de cinco anos foi “un agasallo caprichoso” a esa empresa privada.
Publicado por o día 06/08/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG denuncia que a indemnización a Vitrasa foi unha escusa falsa para aprobar unha prórroga que hipoteca a cidade cun servizo “dos anos 90 do século pasado”

Tras o anuncio realizado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que será a cargo de fondos estatais o abono da indemnización económica a favor de Vitrasa, como concesionaria do servizo de autobús urbano –por causa das perdas ocasionadas durante o confinamento–, para o Bloque Nacionalista Galego xa é patente e indiscutíbel que a prórroga por cinco anos da actual concesión foi “un agasallo caprichoso” do Goberno municipal a esa empresa privada.

Neste sentido, o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, denunciou que o argumento económico por esa indemnización para xustificar a prórroga a Vitrasa era falso. O portavoz municipal nacionalista lamentou que esa decisión hipoteca por un lustro a cidade condenándoa a un servizo de autobús claramente insuficiente. “En lugar de regalarlle unha prórroga inxustificada a Vitrasa, o que se debeu facer era sacar a concurso unha nova adxudicación que permitira redeseñar o servizo, adecualo ás necesidades da cidade e atender as demandas da veciñanza”, contrapuxo.

Igrexas volveu insistir en que “o que debera preocupar e ocupar ao Goberno municipal, e singularmente ao alcalde, non é como vai compensar economicamente a unha empresa privada que xa recibe moitos millóns de euros de diñeiro público e de todas as viguesas e vigueses, senón que medidas vai adoptar para mellorar de maneira substancial un servizo insuficiente”.

A este respeito, o edil nacionalista denunciou que actual servizo de bus urbano “non conecta a cidade, non vertebra os barrios e parroquias, cunhas frecuencias abertamente insuficientes, cun prezo de billete caro e sen a conexión axeitada con dotacións como o novo hospital, a universidade, as estacións de bus e de tren ou o aeroporto”.  “O que debera preocupar e ocupar a Abel Caballero non é cantos millóns de euros máis de diñeiro público lle vamos entregar a Vitrasa, senón como mellorar o servizo de bus para que sexa unha alternativa de mobilidade que permita reducir o uso do vehículo particular e gañar en calidade de vida”, reclamou.

O Bloque urxe un xiro na política de mobilidade que potencie a utilización do transporte público, algo que para as nacionalistas esixe superar o marco “raquítico” da actual concesión. “Non podemos seguir a ter un bus á altura dos anos 90 do século pasado, cunha enorme precariedade do servizo e temos que apostar decididamente por potenciar o uso do autobús, e iso non se pode facer nin co actual mapa de liñas, nin co actual número de autobuses nin con esta prórroga caprichosa”, remachou Xabier P. Igrexas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.