O BNG denuncia que embarcacións do xeito e racú de Redondela, vense forzadas a mercar cota de xouba en Cádiz, para manter a actividade

Publicado por o día 11/01/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Redondela

O BNG denuncia que embarcacións do xeito e racú de Redondela, vense forzadas a mercar cota de xouba en Cádiz, para manter a actividade

O pasado mes de agosto, pechábase a pesquería da sardiña para o xeito e o racú, que representa o dous por cento do sector, por terse esgotado a cota asignada para a mesma na costa galega. Para manter a actividade a flota artesanal, ao igual que anteriormente o cerco, víuse forzada a mercar cota no sur da zona IX, comprendida entre Fisterra a Cádiz para poder seguir faenando.

Esta práctica imposta polas administracións ás embarcacións tradicionais, supuxo un enfrontamento dentro do propio sector, entre aqueles que si mercaron cota e os que optaron por non entrar neste mercádeo, ou simplemente non tiñan capacidade económica para poder facelo. “Estamos ante unha medida que ademáis de inxusta e moi perigosa abre a porta a branquear a privatización do mar” sinala o responsábel local nacionalista, Anxo Lusquiños.

Pola súa banda a Consellaría do Mar, tén habilitado unha cota de 4 toneladas de xouba para este primeiro trimestre do ano 2020, o que supón 1.000 kg menos que no ano anterior. “Unha cantidade moi baixa para que sexa rendible e que sen dúbida vai volver a obrigar a estas embarcacións a pasar por caixa novamente”, denuncia.

Consideran dende o BNG, que resulta moi pouco entendible que se lle limite a pesca da xouba a estas embarcacións na costa galega porque o “stock” está mal e unha vez que se merca a cota no golfo de Cádiz, xa se lle permita facelo sen problema. Recorda Anxo Lusquiños “que a Consellería mediante a resolución que publicou para aprobar o Plan de xestión da xouba para o 2020, só contempla que estas embarcacións poidan pescar durante seis meses ao ano”.

“Todo esta senrazón incide negativamente nun sector estratéxico en Redondela, como o da pesca de baixura, que ano tras ano vai perdendo peso. O número de embarcacións diminuíu dun modo alarmante, mesmo poñendo en perigo a supervivencia desta actividade tan vencellada o noso concello, denuncia o responsábel do BNG.

Considera Anxo Lusquiños, totalmente inaceptable e inmoral que se teña que pagar para poder pescar, apostando por defender dende a Xunta o dereito universal a poder faenar de xeito sostíbel, independentemente da capacidade económica dos mariñeiros. “A única vía posible para garantir o futuro da flota, pasa por un cambio do goberno galego, dende onde traballaremos para deixala ao marxe do sistema de cotas”, remata na súa nota

Comentar noticia

Your email address will not be published.