A eurodeputada Ana Miranda, e o deputado MIni Rivas, denunciaron que o goberno galego ten trasladado datos erróneos á Comisión Europea sobre a superficie de eucaliptos que existe en Galiza. Así se desprende da resposta ofrecida esta semana polo comisario de Medio Ambiente, Karmenu Vellu, á pregunta presentada por Miranda sobre o aumento do cultivo de especies invasoras pirófilas.
No documento remitido, a Comisión recoñece ser consciente do uso de especies de eucalipto na silvicultura galega; porén asegura que o programa de desenvolvemento rural actual “exclúe o aumento da superficie forestal con esta especie” e que o Regulamento (UE) n.º 1143/2014 “estabelece un marco para previr a introdución e propagación de especies exóticas invasoras”.
“A resposta do Comisario confirma que dispón de datos falsos sobre eucaliptos, e isto é un escándalo”, subliña a eurodeputada nacionalista, xa que os expertos explican que a superficie de cultivo incrementouse máis do dobre. Precisamente a nova planificación forestal para Galiza, da que está a punto de aprobarse o novo Plan Forestal, vén a regularizar e da por boas máis de 250.000 mil hectáreas de eucalipto aumentadas fóra de planificación dende que no ano 1992 sen aprobara o Plan en vixencia, e que agora inclúe a previsión de aumentar noutras 25.000 ha. De este xeito, a realidade é que Galiza nestes momentos conta cunhas 500.000 mil ha. segundo os datos oficiais, que algúns expertos elevan ás 600.000.
Tendo en conta estes datos, que indican un aumento do 105% sobre o planificado e amosan o fracaso de execución do Plan Forestal galego vixente (período 1992-2032), Ana Miranda pide que se investigue o modelo forestal galego e que a Comisión emprace á Xunta a paralizar a aprobación inminente do novo Plan Forestal e anuncia que solicitará unha reunión urxente co comisario para trasladarlle esta contradición entre os datos reais de Galiza e os que manexa a Comisión.
Multifuncionalidade do bosque
Outro aspecto fundamental da resposta da Comisión refírese a que considera a multifuncionalidade dos bosques como “un principio clave consagrado na estratexia da UE en favor dos bosques e o sector forestal” e varias directrices subliñan “a importancia de utilizar especies arbóreas autóctonas para a repoboación e a rexeneración forestais”.
Porén o Bloque considera que o novo Plan afástase das políticas de fomento da multifuncionalidade que defende a Comisión, desde o momento en que recolle un marcado interese por plantar as 25.000 novas ha. de eucalipto nos primeiros anos de aplicación do plan, dándolle máis importancia a este cultivo que a outras especies como o castiñeiro. Neste caso prevese tamén a plantación dunhas 25.000 ha. pero coa diferenza de que a súa plantación repartirase durante os 20 anos de aplicación.
“O Plan forestal en Galiza está paralizado desde hai tempo e os únicos datos fiables son de 1992, o cal é unha barbaridade”, destaca Mini Rivas, quen denuncia que o eucalipto “está acurralando a economía deste país”. Neste sentido indica que xa van 3.000 aserradoiros eliminados desde que o eucalipto se planta como monoespecie. “A biodiversidade deste país está cargada e vai ser moi difícil recuperala”, engadiu. Para conseguilo habería que facer unha planificación “que non siga os intereses das grandes multinacionais e clúster da madeira”.
Incendios
No tocante á vaga de lumes, o Bloque salienta que hai unhas causas estruturais que favorecen a vaga de lumes e hai unha situación das condicións do clima que xa están a agudizar este tipo risco, polo que considera inadmisible que se neguen realidades forestais cunha relación de causalidade con estes devastadores episodios. Ao respecto a Comisión lembra que o programa de desenvolvemento rural 2014-2020 de Galiza “inclúe un compoñente de apoio ás operacións de fomento da xestión forestal sostible, outro de prevención de incendios forestais cunha dotación de 120 millóns de euros e outro para restauración dotado con 12 millóns.
“Se a Comisión está recibindo datos falsos por parte do goberno galego nos que non se incide en que houbo mortes e superficies arrasadas, estamos diante dun escándalo institucional que significaría ter que ir ao Tribunal de Contas Europeo”, manifestou Ana Miranda. “Se o orzamentos dos fondos estruturais contempla a prevención de incendios e que non se aumente a superficie de eucaliptos e se está aumentando, temos un problema de engano institucional”, engadiu.
Neste sentido Mini Rivas apuntou que precisamente a Consellería de Medio Ambiente destina a metade do seu orzamento para prevención de incendios, o cal “é unha barbaridade”. Segundo explicou o deputado a existencia de masas inxentes de eucaliptos “o único que fai é propagarse sen límite”, en referencia aos lumes do 2017.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.