O BNG emenda 13,5 millóns de euros do orzamento municipal de Vigo para atender as necesidades reais da veciñanza e dos barrios e parroquias

Publicado por o día 16/11/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG emenda 13,5 millóns de euros do orzamento municipal de Vigo para atender as necesidades reais da veciñanza e dos barrios e parroquias

O Bloque Nacionalista Galego presentou publicamente as 78 emendas parciais que formularon ao proxecto de orzamentos municipais do Concello de Vigo para o vindeiro exercicio 2021, e que se debaterán no pleno do vindeiro mércores. A fronte nacionalista propón modificacións que totalizan máis de 13,5 millóns de euros, co obxectivo de “atender as necesidades reais da veciñanza e nos barrios e parroquias”, segundo explicou o concelleiro, Xabier P. Igrexas.

Igrexas destacou entre as propostas nacionalistas a demanda de 3 novas escolas infantís municipais nos barrios de Balaídos, O Calvario e Teis. Propoñen multiplicar por 1,5 a partida destinada ao Plan Municipal de Emprego até dotala de como mínimo 3 millóns de euros. “Non podemos seguir gastando máis en luces e adornos de nadal que en políticas que inciden na principal preocupación das viguesas e dos vigueses, nun momento no que a nosa cidade xa ten preto de 25 mil persoas desempregadas”, explicou.

O portavoz nacionalista subliñou a importancia de “reforzar e alargar inda máis as políticas sociais” do Concello, para combater en mellores condicións os graves efectos da crise derivada do coronavirus, formulando o incremento dalgunhas partidas que o Goberno municipal recortou nas contas do vindeiro ano. Ademais, propoñen a posta en marcha dunha liña de axudas para o alugueiro, para abordar o problema social do acceso a unha vivenda digna que padecen moitas familias traballadoras de Vigo, por causa da carestía dos prezos e da ausencia dun parque público de vivendas sociais.

Desde a fronte nacionalista avogan por reforzar de maneira substancial as políticas de igualdade, sinalando que “hai que abandonar o feminismo retórico, a palabrería oca e pasar aos feitos”. “Vigo non pode permitirse gastar máis en atencións protocolarias que do que gasta en todo ano en campañas de sensibilización contra a violencia machista”.  Neste capítulo defende a creación dun Plan Municipal de Apoio aos Coidados, precisamente cando a pandemia puxo de relevo a súa enorme importancia.

Outro dos ámbitos que as emendas do Bloque tencionan corrixir son as políticas de “desertización cultural” aplicadas polo Goberno local nos últimos anos, con medidas como a dinamización e revitalización da rede museística da cidade ou a creación de dúas novas bibliotecas públicas municipais en Coia e Valadares.

“Con estas emendas queremos que os orzamentos municipais dean resposta a este contexto de dificultades, atendendo as necesidades do pobo, pero sobre todo que poñan no centro o verdadeiramente importante: as viguesas e os vigueses”, resumiu Igrexas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.