O BNG esixe da Xunta un maior compromiso na retirada dos símbolos franquistas das igrexas

Luís Bará reclama que se cumpran os acordos parlamentarios e que a Igrexa non siga poñendo trabas para a retirada de placas e símbolos franquistas como os que figuran na fachada da igrexa de Cangas
Publicado por o día 19/09/2018 na sección de BNG,Política

O BNG esixe da Xunta un maior compromiso na retirada dos símbolos franquistas das igrexas

O  deputado do BNG, Luís Bará volveu reclamar hoxe no Parlamento galego retirar os  símbolos franquistas das fachadas das  igrexas e pediu “un maior compromiso da Xunta” para facer efectiva esta medida.

O deputado insistiu en que, a estas alturas, moitos dos símbolos xa non deberían figurar nas parecedes das igrexas  e de maneira especial na igrexa de Santiago de  Cangas, como establece o acordo parlamentario do 3 de outubro do ano 2017. Neste sentido, preguntou ao secretario de Cultura, Jesús Oitavén, cales foron as xestións realizadas pola Xunta coa Igrexa?

Trala resposta do responsable de cultura, o deputado criticou que o goberno só mantivera dúas xuntanzas coa Igrexa e non concluíra ningún compromiso “ en firme” para retirar, de maneira efectiva, os  símbolos. Constatamos, dixo, que non existe “ningún resultado práctico das demandas”. Para o nacionalista, esta circunstancia súmase á postura do Partido popular de non respectar a “memoria das vítimas do franquismo” como levan feito, explicou coa “asfixia do proxecto Nomes e Voces, a Illa de San Simón impedindo convertela na illa da memoria, ou cando non moven un papel nin un só  euro para lograr a identificación e exhumación das vítimas desaparecidas”.

Bará aludiu ás reunións da comisión Mixta coa Igrexa e a proposta á FEGAPM buscando a colaboración dos concellos pero que  mudou, criticou,  a pesar dos instrumentos cos que conta o Goberno galego para facer cumprir os acordos parlamentarios. Dende o BNG, “reclamamos a retirada dos símbolos franquistas” e pedimos á Xunta que comine á Igrexa a que colabore e non persista na actitude como a do  represente da Igrexa en Cangas, moi contraria  do  concello disposto “a colaborar economicamente”, asegurou.

O “único obstáculo para a retirada dos símbolos, é  a Igrexa Católica”, e a Xunta ten “mecanismos para romper esa resistencia”, remarcou o nacionalista. A Igrexa católica debe romper con ese pasado “vergoñento” e para iso debe facer desaparecer das pareces esa “ignominia” como o texto e símbolo na fachada da igrexa de Santiago de Cangas, “unha ofensa para as vítimas do franquismo, para a democracia e para a propia confesión relixiosa”.

Bará concluíu a súa intervención pedindo ao Partido popular que abandone a “historiografía franquista” cando se refire  aos  dos dous bandos ou guerra fratricida. En realidade, afirmou “ non houbo dous bandos equiparables, houbo un sector golpista que atentou contra un sistema lexitimo e democrático”.