O BNG esixe desenvolver a Lei de Violencia de Xénero e medidas efectivas contra a violencia sexual

Noa Presas defende aumentar o orzamento do 2019, crear obradoiros contra a violencia sexual nos centros de ensino, cumprir os protocolos e desenvolver campañas informativas e de sensibilización
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de BNG,Política

O BNG esixe desenvolver a Lei de Violencia de Xénero e medidas efectivas contra a violencia sexual

Na defensa da moción do BNG sobre medidas contra a violencia sexual, a deputada, Noa Presas  demandou desenvolver a lei de Violencia de Xénero para reformar o tratamento da violencia sexual como violencia machista, aumentar os recursos para o ano 2019 e desenvolver campañas informativas e de sensibilización nesta materia.

Como primeira urxencia dixo, é necesario un compromiso político  do Partido popular no Goberno  para desenvolver a lei co fin de  “reforzar o trato da violencia sexual como violencia machista”, render contas no Parlamento galego de “canto e como se gastan os recursos económicos” no tratamento da  violencia sexual para  comprobar as actuacións reais e específicas, “máis alá das meras e boas palabras”.

29 DENUNCIAS POR VIOLACIÓN EN GALIZA NOS PRIMEIROS SEIS MESES DO ANO 18 E 213 POR OUTROS DELITOS SEXUAIS

A parlamentaria aludiu ao Balance de Criminalidade do Ministerio de Interior para denunciar que en Galiza, no primeiro semestre deste ano, foron rexistradas  29 denuncias por violación con penetración e 213 por outros delitos sexuais. É dicir, “unha violación a semana e máis dunha agresión sexual ao día”, afirmou, unha situación require, remarcou a nacionalista, “mellorar e ampliar as medidas e recursos” porque na actualidade “son escasos e infrautilizados”. Neste sentido, tamén  propuxo desenvolver campañas informativas para facer visible esta realidade e informar que tanto os CIMS como 016 son servizos destinados a informar e  recoller  denuncias por violencia sexual.

Para a deputada resulta inaudito que a páxina web de Igualdade non conte cun apartado específico sobre violencias sexuais, o que ao seu entender representa  “un exemplo de desidia que debe ser corrixido”.

Asemade lembrou que os  protocolos non se están a cumprir  como evidenciou a sentenza  dos  tribunais de Ourense sobre unha violación en Xinzo. “Temos que preguntarnos se están sendo adecuados para a especificidade da violencia sexual e por iso propoñemos que isto se trate de forma específica nos Traballos do Observatorio de Violencia Machista”.

En Galiza  non se ten  avaliado de forma cuantitativa e cualitativa a incidencia das agresións sexuais, unha   ferramenta necesaria para unha  diagnose sen a cal resulta imposible poñer en marcha  medidas  efectivas.

A deputada reclamou ao  Partido popular o seu compromiso  para  realizar unha macroenquisa incluíndo  “a violencia sexual no informe anual da lei de violencia” así como  constituír unha “mesa de traballo” para avaliar,  xunto cunha representación do ámbito xudicial, policial e forense, “a casuística das denuncias en Galiza por agresión sexual”.

Para a deputada resulta imprescindible “un cambio de enfoque na sensibilización” para acabar “coa cultura da violación” e romper  tópicos asumindo que máis do 80% das violacións son cometidas polas parellas, coñecidos ou familiares e non pola imaxe do asaltante nocturno que se nos ten inculcado.

Finalmente, Presas recalcou que a violencia sexual debe ser abordada dende moitas frontes e fundamentalmente dende o ensino. “A educación sexual non pode ser un tema na Bioloxía de 3º da ESO” e por iso dende o BNG “propoñemos estender a todos os centros de educación secundario obradoiros contra a violencia sexual”.

Pola súa parte, o Partido popular anunciou a súa vontade de transaccionar algúns puntos da iniciativa nacionalista no referido a :

  1. Seguir a desenvolver a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero en canto á sensibilización, prevención e tratamento integral da violencia sexual como violencia machista, incrementando no vindeiro exercicio orzamentario o orzamento consignado para a igualdade de xénero, así como a prevención e intervención no ámbito da loita contra a violencia de xénero.
  2. Continuar a desenvolver campañas informativas para fomentar na sociedade o coñecemento de que as ferramentas e recursos contra a violencia machista, como poden ser os CIMs, o teléfono 016, a App ‘Escapp’ e a app ‘Agresión OFF: Eu digo non á violencia sexual’, están a disposición para o atendemento e asesoramento tamén diante de agresións sexuais, tanto para as vítimas como para terceiras persoas.
  3. Incluír nos obxectivos da comisión de traballo creada no seo do Observatorio galego da Violencia de Xénero, o seguimento da implantación e grao de cumprimento do Protocolo de coordinación e cooperación institucional que se aprobou no 2017, ao respecto das distintas formas de violencia, tamén a sexual, en tódalas súas áreas de actuación.
  4. Incluír na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade un apartado específico visíbel na pantalla de inicio con información sobre as violencias sexuais e os seus recursos de atención e intervención.