– A fronte nacionalista reclámalle ao goberno municipal que as destine a crear un parque municipal de vivendas para alugueiro social
Logo de se teren xa “malvendidos” 19 dos 40 pisos dos que é propietario o Concello de Vigo na rúa República Arxentina, a Executiva Local do BNG vén de esixir ao Goberno local que paralice a venda das 21 vivendas restantes. Reclaman que se destinen a crear un parque municipal de vivendas para alugueiro social, que permita o acceso ás persoas de escasos recursos.
A venda de case a metade das vivendas supuxo ingresos por importe de 3,1 millóns de euros. Unha cantidade suficiente para financiar a expropiación dos terreos necesarios para edificar a Cidade da Xustiza. O BNG opúxose desde o primeiro minuto a esta operación “especulativa” e foron reiteradas as iniciativas nacionalistas que demandaban destinar a uso social as vivendas municipais que, como no caso da moción presentada no pleno do 31 de marzo de 2014, foron rexeitadas de maneira conxunta por PSOE e PP.
Alugueiro social
A fronte nacionalista asumindo que as vendas xa realizadas non son facilmente reversíbeis, esixe a paralización do proceso que afecta ás 21 vivendas que inda son propiedade municipal. “Nunha cidade na que se suceden os lanzamentos hipotecarios, onde constatamos unha situación de grave emerxencia social, o Concello de Vigo debe deixar de xogar a axente inmobiliario” aseguran.
Para estes pisos propoñen que sexan destinados a artellar un parque municipal de vivendas para alugueiro social. Unha medida que xulgan indispensábel para comezar a dar resposta ás necesidades habitacionais que hai na cidade, na que malia haber 18.500 vivendas baleiras moitas persoas non se poden permitir un alugueiro a prezo de mercado. “En lugar de tratar a vivenda como unha mercadoría coa que especular o Goberno municipal debe considerala como un ben esencial e promover o acceso social ao mesmo”.
PRENSA BNG VIGO
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.