O BNG exixe que non se utilice o Marisquiño como arma de confrontación partidist

A fronte nacionalista dirixirase a Concello, Autoridade Portuaria e Xunta, para reclamar que cooperen e reiterarlle a proposta de creación dunha Mesa do Porto de Vigo. Demandan unha investigación a fondo “caia quen caia”
Publicado por o día 06/09/2018 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG exixe que non se utilice o Marisquiño como arma de confrontación partidist

Para o BNG de Vigo o resultado do pleno extraordinario de onte, convocado para abordar un asunto de tanta importancia como o grave accidente do Marisquiño foi “lamentábel”. “Foi, precisamente, o contrario do que debera ser. O contrario do que as 467 vítimas, as súas familias e o conxunto das veciñas e dos veciños de Vigo merecemos”, afirmou o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, que compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo deputado no Parlamento galego, Luís Bará.

En opinión da fronte nacionalista o pleno foi un episodio máis no interminábel enfrontamento partidista. “Vimos como en lugar de apostar por un esforzo común e compartido para evitar que algo así volva pasar nunca máis, PSOE e PP utilizaron como arma electoral un accidente que puido acabar en traxedia”, denunciaron.

Cooperación

Otero volveu reiterar o chamado a que cese a confrontación e apelou á necesidade de cooperación entre administracións. “Temos que denunciar con claridade que é precisamente a incapacidade duns e doutros de poñer por diante os intereses da cidade, a súa falla de capacidade para cooperar entre institucións, unha das causas que explican o estado de abandono do paseo das Avenidas, do de Bouzas e doutros ámbitos da cidade. A súa incapacidade para poñer Vigo por diante supón, como nos demostrou fatidicamente o accidente do Marisquiño, unha imprudencia temeraria”, asegurou.

Sobre esa premisa o BNG anunciou que se dirixirán formalmente ao Goberno municipal, á Autoridade Portuaria e á Xunta de Galiza para exixir que poñan fin ao enfrontamento institucional e insistir, máis unha vez, na proposta de que se poña en marcha unha Mesa do Porto de Vigo que facilite a cooperación entre todas as administracións e os axentes sociais implicados na vida portuaria e na cidade. A este respeito, Otero reclamou que de

maneira inmediata se realice unha auditoría arquitectónica e de seguridade do estado de toda a superficie e instalacións portuarias de acceso público de cara a acordar a súa remodelación.

Investigación

A negativa do Goberno municipal a investigar as circunstancias do grave accidente producido na última xornada do Marisquiño é para o BNG algo “ofensivo e intolerábel”. “É inaceptábel que se neguen a investigar que fallou para que un espazo público da cidade se viñese abaixo poñendo en perigo a vida de millares de persoas”, reprocharon. Por outra parte tamén cargaron contra a actuación do Partido Popular a quen acusan de practicar un “oportunismo cínico” utilizando esta cuestión para a súa guerra partidista.

Emporiso, insisten máis unha vez en urxir unha investigación que esclareza o acontecido coa máxima trasnparencia. “Demandamos tamén ás tres administracións que promovan unha investigación a fondo, sen límites, caia quen caia, para determinar que pasou, porque pasou e sobre todo para evitar que volva suceder”, manifestou Serafín Otero, acrecentando que “para iso PP e PSOE deben deixar de facer pinza para evitar que se poña luz no sucedido, como fixeron hai poucos días no Parlamento galego”. En relación a isto último, o deputado Luís Bará anunciou que a formación nacionalista seguirán a demandar unha comisión de investigación no Parlamento.

AP-9

O anuncio de novas subas nas peaxes da autoestrada AP-9 tamén motivou a reacción do BNG. Luís Bará rexeitou esa medida asegurando que “as obras de ampliación da Ponte de Rande e o propio convenio ao que están vinculadas estas subas recolle que en todo caso estas deberían aplicarse o ano próximo”.

Bará cargou contra os reiterados abusos da concesionaria e cualificou de “burla” a falta de acción do goberno do Estado que considera de “total complicidade coa empresa”.

Diante desta situación o deputado presentou no día de hoxe unha batería de iniciativas no Parlamento galego, propoñendo a revisión e anulación dos convenios subscritos entre Fomento e Audasa en 2011 e 2013, por recoller cláusulas abusivas a favor da concesionaria. Tamén demandan a realización dunha auditoría global sobre o servizo que presta Audasa e singularmente sobre as obras de Rande e instan á apertura de expedientes sancionadores polos incumprimentos e as retencións provocadas. Por último demandan bonificacións para os e as usuarias habituais da autoestrada, similares as que se aplican noutras estradas do Estado.