O BNG facilita a prórroga do estado de alarma mais móstrase crítico coas decisións do Goberno central

Néstor Rego lamenta que Pedro Sánchez non asumise compromisos claros coas propostas do BNG, nin nos criterios de reparto do fondo de axuda, nin na mobilidade interprovincial e que o goberno de PSOE-Podemos preferise pactar coa dereita ultraespañolista de Ciudadanos e non con forzas políticas de esquerda e soberanistas que colaboraron na súa investidura.
Publicado por o día 20/05/2020 na sección de BNG,Política

O BNG facilita a prórroga do estado de alarma mais móstrase crítico coas decisións do Goberno central

O deputado nacionalista, Néstor Rego, anunciou que o BNG segue comprometido coa continuidade do Estado de Alarma. Explicou que “aínda que vemos que os datos sanitarios son sensiblemente mellores, aínda é necesario acabar o traballo e facelo con previsión e con seguridade”. Rego salientou que “o BNG leva desde o principio defendendo que outro estado de alarma era posíbel, sen centralización, sen militarización, sen decisións adoptadas, ao noso xuízo, máis por criterios políticos e económicos que sanitarios”.

O deputado nacionalista reclamou unha vez máis “restituír plenamente as competencias no ámbito sanitario, o que é perfectamente posíbel, sen menoscabar o papel de coordinación que deba exercer o Ministro de Sanidade”.

En referencia ao proceso de diálogo que mantivo o BNG co Goberno central para garantir esta prórroga, o BNG, ademais de propor esta cuestión e continuar co período de 15 días, puxo sobre a mesa a necesidade de -polo menos no caso de Galiza-, permitir a mobilidade interprovincial na fase dúas. “Algo que cremos que se pode facer con seguridade, sen afectar para nada o traballo de control da epidemia, entre outras cousas porque todas as provincias están na mesma fase e en condicións epidemiolóxicas e sanitarias similares” explicou Néstor Rego.

Por outra parte, no que ten que a ver cos criterios de reparto do fondo de 16.000 millóns de euros de axuda COVID-19 ás Comunidades Autónomas que foron anunciados, o deputado nacionalista sinalou que “son alleos á nosa realidade e prexudiciais para Galiza” por non teren en conta aspectos como dispersión da poboación ou envellecemento. “É evidente que o hábitat disperso que temos encarece todos os servizos, tamén o sanitario, e o peso que ten na poboación galega a poboación maior de 65 anos e a dependente afecta de forma directa aos servizos sanitarios, sociais e asistenciais” destacou Néstor Rego. Por iso o deputado do BNG defendeu incorporar estes criterios cun peso razoábel.

Rego lamentou que, na resposta, Pedro Sánchez non expresase un compromiso claro coas propostas do BNG, nin coa mobilidade interprovincial nin coa mudanza dos criterios de reparto do fondo de axuda. Ao deputado nacionalista sorpréndelle que o Goberno non asumise nin mesmo cuestións que onte facían parte dun principio de acordo na negociación estabelecida e considera que pode estar en relación coa opción por un acordo con Ciudadanos.

Néstor Rego mostrouse crítico con que o Goberno atenda as peticións de formacións da dereita ultraespañolista como Ciudadanos e non con forzas políticas que colaboraron na súa investidura. “Sinceiramente, creo que o PSOE e Unidas Podemos se equivocan en procurar apoios á súa dereita en vez de á súa esquerda e no soberanismo; o que propoñemos é de sentido común e de seguro que o acabaran facendo, como sempre, tarde e mal” sentenciou o deputado do BNG.

O deputado nacionalista manifestou a Pedro Sánchez a disposición do BNG de poder modificar a posición de voto da abstención ao voto favorábel se aceptaran as propostas presentadas pola formación nacionalista. “Demostren que escoitan á voz do pobo galego, as voces da sociedade galega que queren que as cousas se fagan doutra maneira” destacou Néstor Rego.

Comentar noticia

Your email address will not be published.