O BNG fai un chamamento aos grupos políticos para reclamar máis investimentos para O Porriño nos orzamentos xerais do Estado

Presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno na que denuncia que Pedro Sánchez afonda na discriminación de Galiza que iniciou o PP de Rajoy
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de BNG,Galicia,O Porriño,Política

O BNG fai un chamamento aos grupos políticos para reclamar máis investimentos para O Porriño nos orzamentos xerais do Estado

Os Orzamentos Xerais do Estado presentados polo goberno de Pedro Sánchez son decepcionantes e discriminatorios con Galiza, especialmente para O Porriño, xa que non existe ningunha partida para a eliminación do paso a nivel, unha obra de urxente necesidade e que a alcaldesa do PSOE, Eva García, prometeu obter do seu goberno “amigo”.

A realidade é que o proxecto de OXE presentado polo executivo de Sánchez segue a tendencia recortadora de Rajoy e mingúan un 19,2 por cento con respecto ao ano pasado, que foran xa conxelados con respecto ao ano anterior. O investimento previsto para Galiza é de só 757 millóns, e o peso do noso país no conxunto do Estado redúcese en tres puntos.

Galiza segue a pagar inxustamente a política de recortes. E O Porriño especialmente, xa que neste proxecto non se contempla nin un só euro para a saída sur da alta velocidade ferroviaria, o chanzo imprescindible para eliminar dunha vez por todas o paso a nivel do centro do Porriño.

A sociedade galega precisa que se active politicamente canto antes o debate e o traballo ao redor dunha axenda galega de grandes temas. Galiza precisa unha resposta á altura das circunstancias históricas, e por iso desde o BNG demandamos grandes acordos de país na defensa dos intereses da sociedade galega.

Xa que logo, presentamos unha moción para ser debatida en todos os concellos galegos na que se pide o apoio unánime das corporacións ás demandas do pobo galego. As mocións estrutúranse en tres puntos básicos, nos que, en resumo, se rexeita o proxecto actual do Goberno e se insta “aos e ás representantes elixidas por circunscricións galegas que formulen emenda á totalidade a este proxecto de orzamentos e establezan unha negociación co goberno do estado que incorpore, como mínimo, un investimento semellante aos investimentos de 2009”, cando, estando o BNG presente nas negociacións, Galiza acadou investimentos por riba dos 2.000 millóns de euros.

Na moción preséntase unha listaxe de prioridades en infraestruturas e servizos para toda Galiza. No que atinxe aos veciños do Porriño céntranse en que se finalice o trazado do Eixo Atlántico (nomeadamente A Coruña- Ferrol, saída sur de Vigo para conexión coa alta velocidade portuguesa) coa eliminación do paso a nivel do Porriño; e se proxecte a conexión dos polígonos de Torneiros coa autovía A-55.

Comentar noticia

Your email address will not be published.