O BNG vén de demandar do Concello de Vigo que poña en marcha, con carácter inmediato, medidas de redución do consumo de auga. O concelleiro Xabier P. Igrexas insta, no concreto, a que se restrinxa o regadío das zonas de axardinamento público así como o funcionamento das fontes ornamentais da cidade. Aliás, o nacionalista urxe que se aplique o acordo plenario que mandata que non se pode seguir baldeando rúas da cidade para labores de limpeza con “auga potábel da traída”.
Malia que os embalses da cidade, Eiras e Zamáns, están actualmente no cento por cento da súa capacidade, Igrexas xustifica a necesidade de aforro para evitar que a cidade volva entrar en situación de prealerta ou alerta por seca como sucedeu nos últimos veráns. Neste sentido, o edil nacionalista lembra que as series históricas recollen que é a partir da semana 30, que coincide coa última semana do mes de xullo, cando por causa da falla de precipitacións comeza a caída na capacidade dos embalses. “Trátase de poñer os medios coa suficiente antelación para evitar que un verán máis teñamos que vivir baixo a ameaza de restricións no subministro de auga”, explicou.
Para esa finalidade, as súas propostas pasan por aplicar con carácter preventivo algunhas das medidas que se prevén para a situación de prealerta. Nomeadamente no referido á restrinxir o regadío das zonas axardinadas e tamén a limitar o funcionamento das fontes ornamentais da cidade, que malia seren de circuito fechado non son de consumo hídrico cero.
Outro dos aspectos sinalados pola formación nacionalista é o referido aos baldeos das rúas e beirarrúas para labores de limpeza. Neste sentido, Igrexas urxiu a que se cumpra o acordo plenario que acordaba modificar o actual sistema no que se baldea con auga potábel. “É irracional e insustentábel que se utilice auga que se pode beber para baldear as rúas”, enfatizou.
Modificación do recibo
Por último, defendendo que a auga é un ben público pero tamén un ben esencial e limitado, o concelleiro do Bloque reiterou a necesidade de modificar o actual sistema tarifario. “Temos que modificar o recibo da auga, para evitar pagar por unha auga que non se consume, pero tamén para estimular o aforro e, en todo caso, penalizar os grandes consumidores”, defendeu, aludindo ao tramo mínimo actualmente vixente de 30 metros cúbicos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.