O BNG insta o Goberno a recoñecer 33% de discapacidade co diagnóstico de doenzas neurodexenerativas

Néstor Rego considera que o baremo estabelecido afecta negativamente os dereitos e a igualdade de oportunidades que, como cidadás e cidadáns, teñen recoñecidas todas as persoas con esclerose múltiple e outras enfermidades neurodexenerativas.
Publicado por o día 22/05/2020 na sección de Política,BNG

O BNG insta o Goberno a recoñecer 33% de discapacidade co diagnóstico de doenzas neurodexenerativas

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, insta o Goberno español a adoptar as medidas oportunas para atender as peticións das asociacións de enfermos de Esclerose Múltiple, Parkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas, referentes á creación dun novo tipo de discapacidade baseado na tipoloxía propia destas doenzas.

O BNG considera urxente e necesaria a modificación dos baremos empregados para determinar o grao de discapacidade, recoñecendo tras o diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas, unha porcentaxe mínima de discapacidade de 33% como corresponde á especificidade, a realidade e as necesidades diarias que xeran a evolución destas enfermidades.

“O grave deterioro físico e cognitivo que se deriva destas enfermidades, supón unha desprotección para as persoas adultas en idade laboral que as padecen” explica Néstor Rego. Así, poden xurdir problemas en relación coa posibilidade de continuar no seu posto de traballo, coas súas perspectivas de promoción e carreira profesional, e a conciliación entre a súa vida laboral e o desenvolvemento da enfermidade ou coas necesidades de conciliación das persoas coidadoras.

Por estes motivos, o BNG reclama no Congreso por medio dunha Proposición Non de Lei que se recoñeza 33% de discapacidade automaticamente co diagnóstico a todas as persoas con enfermidades neurodexenerativas para que teñan acceso a algunha protección social, até agora inexistente. “Co recoñecemento automático dunha discapacidade de 33%, e o conseguinte acceso a medidas de apoio, conseguiríase que as persoas afectadas por estas enfermidades se mantivesen activas o maior tempo posíbel, contribuíndo á súa calidade de vida e benestar e ao mesmo tempo a diminuír o gasto social” salienta o deputado nacionalista.

O deputado do BNG explica que dentro das prestacións da Seguridade Social, tampouco o sistema de valoración para acceder a pensións por incapacidade permanente (parcial, total, absoluta) ou gran invalidez ten en consideración as particularidades e necesidades das persoas con enfermidades neurodexenerativas.

Os nacionalistas consideran que o baremo estabelecido afecta negativamente os dereitos e a igualdade de oportunidades que, como cidadás e cidadáns, teñen as persoas con esclerose múltiple e outras enfermidades neurodexenerativas, xa que non se están adoptando as medidas necesarias para que estas persoas desfruten do seus dereitos en condicións de igualdade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.