O BNG, leva ao Parlamento a Casa de Apostas de Redondela

A deputada, Alexandra Fernández, mantivo un encontro con representantes da Coordinadora. Unha propoposición non de lei para debater no Parlamento, xunto a varias preguntas ao goberno galego, iniciativas presentadas.

“Malia que a apertura do local é un feito de hai meses dende o BNG consideramos que aínda existen algunhas lagoas sobre a concesión da licenza”, transmitíulle a deputada nacionalista aos representantes do colectivo. Considerou de grande importancia a situación desta actividade, presentándoa como unha das primeiras iniciativas como deputada eleita en xullo.

No encontro coa Coordinadora en contra da Casa de Apostas, xunto ao voceiro municipal, Xoán Carlos González, a deputada do BNG recolleu os aspectos básicos de diversas propostas a presentar no Parlamento de Galiza. “O noso principal interese reside en ter copia da acta de medición da distancia da Casa de Apostas ata os centros educativos, da dirección xeral de Emerxencias e Interior”, sinalou Alexandra Fernández. 

Recordou que o Regulamento de Casas de Azar de Galiza, “contempla taxativamente que debe haber un mínimo de 150 metros ata os accesos de entrada e saída de centros educativos, aspecto que non se está a cumplir pois a Escola de Música e Conservatorio Víctor Ureña, atópase a menos desta distancia”.

Entre as iniciativas presentadas por Alexandra Fernández, consta unha “proposición non de lei”, para debater no Parlamento Galego, co fin de rexeitar a apertura da Casa de Apostas. Tamén dirixíuse ao goberno galego, para saber se comparte o establecemento desta actividade de ocio e lecer en Redondela, que tanta preocupación está a supoñer entre a veciñanza redondelá. “Dende o Bloque Nacionalista Galego, compartimos a preocupación da Coordinadora e da veciñanza en xeral, por tratarse dunha ameaza a aqueles grupos sociais, que se están a ver máis afectados pola crise económica, establecendo como obxectivo prioritario a mocidade”, valorou a deputada.

No encontro os e as membros da Coordinadora, expuxeron algúns dos aspectos máis salientábeis da Campaña desenvolvida entre setembro e marzo pasados. Amosaron a súa decepción polas máis de 2.000 alegacións rexeitadas polo Concello.

Pola súa banda Xoán Carlos González, anunciou a presentación un escrito dirixido á alcaldía, na que se solicitaba un seguemento dos horarios da Casa de Apostas. “Segundo a información da que dispoñemos, estanse a incumprir os horarios de apertura durante a madrugada, tal como se recolle na Orde do 16 de xuño de 2005. Tamén demandamos que se faga seguemento no interior do local por parte da policía, de igual xeito que baixo mandato da alcaldía, se realizou nos últimos meses noutros establecementos”, informou o edil nacionalista.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario