O BNG móllase contra a xenofobia e o racismo

A eurodeputada Ana Miranda presenta unha batería de emendas ás futuras propostas de cohesión na defensa dos dereitos humanos e as liberdades
Por o 22/09/2018 | Sección: BNG,Política
O BNG móllase contra a xenofobia e o racismo
Compartir en:

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar unha batería de emendas na Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior do Parlamento Europeo, da que é membro. As 20 propostas presentadas van encamiñadas a garantir que os futuro Fondo Social Europeo (FSE) poida facer unha “política efectiva” de prevención da xenofobia e a intolerancia nun contexto europeo de aumento do populismo ófobos polo aumento dos movementos migratorios crecentes no que debe potenciarse a integración das persoas.

“Agora que se están negociando os fondos europeos é o momento de facer as propostas  ao Fondo Social Europeo que permitan unha maior protección dos dereitos humanos e as liberdades e loitar contra o racismo e a xenofobia”, explica a eurodeputada nacionalista, quen considera que a Comisión de Liberdades xoga un papel fundamental no freo da deriva ultraconservadora e autoritaria que se está producindo nalgúns dos Estados Membros da UE.

Outra das emendas presentadas polo Bloque na Comisión de Liberdades refírese á  protección dos menores migrantes que viaxan sen estar acompañados. “É imprescindible garantir a súa seguridade, pois de moitos xa non se sabe nin onde están e temos que evitar que caian en mans das mafias que operan aproveitando a súa febleza”, explica Ana Miranda.

Neste sentido lembra os nenos e nenas que viaxan en embarcacións ou que se atopan sós nos campos de refuxiados e recorda que na sesión plenaria do pasado mes de abril, o Parlamento Europeo aprobou unha Resolución, – con 516 votos a favor, 137 en contra e 43 abstencións- que sinala que a protección dos menores, independentemente de se son refuxiados ou non, debe ser un obxectivo prioritario.

Participación cidadá

Para levar a cabo estas propostas Miranda considera imprescindible promover a participación da cidadanía e da sociedade civil, tanto desde o ámbito galego e local. Nesta liña vai encamiñada outra das emendas presentadas pola eurodeputada do BNG, para quen “as organización que traballan de forma descentralizada deben recibir os fondos necesarios para desenvolver as súas tarefas na defensa dos dereitos humanos e as liberdades”.

Por outro lado, a Comisión de Liberdades deu un primeiro paso na creación dun novo instrumento legal, o Visado Humanitario Europeo, que facilite o paso seguro ás persoas refuxiadas que queiran solicitar asilo. “Con esta ferramenta queremos reducir as mortes no mar e proporcionar vías seguras de entrada, xa que o sistema de asilo europeo actual só permite que as solicitudes de asilo sexan administradas exclusivamente polo primeiro país de entrada”, explica Ana Miranda.

A Unión Europea conta actualmente cun Regulamento sobre o asilo que só se aplica ás persoas que chegan ao territorio da UE e tramitaran solicitude de asilo, máis que non garante unha entrada segura en territorio europeo; pola contra, o Visado Humanitario Europeo (VHE) proporcionaría ás persoas refuxiadas unha vía de entrada segura, xa que se podería solicitar directamente dende un terceiro país, e garantiría a seguridade das persoas e a legalidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.