O BNG non asistirá ao acto institucional do Concello de Vigo de celebración do Día Nacional de Galiza

O Bloque Nacionalista Galego lamentamos comunicar publicamente a nosa decisión de non participar no acto institucional que, como cada ano, organiza hoxe o Concello de Vigo no Parque Quiñones de León en conmemoración do 25 de xullo, Día Nacional de Galiza.
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG non asistirá ao acto institucional do Concello de Vigo de celebración do Día Nacional de Galiza

Esta decisión está motivada nos seguintes feitos:

  • O BNG após recibir o convite institucional comunicamos formalmente á oficina de Protocolo do Concello a nosa asistencia ao acto nas persoas de Xabier P. Igrexas (concelleiro), Serafín Otero Fernández (responsábel local do BNG), Carmela González Iglesias (deputada electa no Parlamento galego) e Alexandra Fernández (deputada electa no Parlamento galego).
  • A oficina de Protocolo confirmou a última hora da mañá de onte, en conversa telefónica, as asistencias comunicadas polo BNG.
  • No entanto, esta mañá a oficina de Protocolo volveu porse en contacto co concelleiro do BNG para lle trasladar que finalmente só poderían asistir 2 das 4 persoas comunicadas, alegando xenericamente motivos de aforo.
  • Expresando o completo respeito e apoio ás medidas preventivas e de seguranza fronte á Covid19 a aplicar neste evento, é claro que o cambio de criterio que exclúe a dúas deputadas electas do Parlamento galego precisamente na celebración do 25 de xullo (rompendo co criterio que até esta edición garantía a presenza das e dos deputados vigueses de todos os partidos) non responde a motivos organizativos nin de seguridade.
  • Resulta palpábel que esta exclusión só pode deberse a unha visión sectaria e excluínte por parte do Goberno municipal, que de maneira insistente teima en confundir o seu partido coa propia institución municipal.
  • O BNG non queremos pensar que, ademais, este comportamento teña a ver coa incomodidade do PSOE cos resultados das pasadas eleccións galegas do 12X, nas que a fronte nacionalista nos convertemos en segunda forza a nivel provincial, despois de sumar case 32 mil votos e unha suba de 17 puntos porcentuais na nosa cidade.

Expresando o noso pesar polo talante excluínte do Goberno municipal e a súa permanente falla de consideración á pluralidade social, ideolóxica e política da nosa cidade, consideramos que estas condicións non gardan o máis mínimo respeito institucional e fórzannos, infelizmente, a non poder asistir.

Por derradeiro, desexar a todas as viguesas e vigueses un feliz 25 de xullo e convidalos a celebrar o noso orgullo de sermos galegas e galegos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.