O BNG ofrece colaboración ás Comunidades de Montes para potenciar a riqueza forestal de Mos

Gustavo Barcia presentou en Petelos as propostas recollidas no seu programa de goberno para a conservación do patrimonio natural
Por o 13/05/2019 | Sección: BNG,Galicia,Mos,Política
O BNG ofrece colaboración ás Comunidades de Montes para potenciar a riqueza forestal de Mos

O BNG de Mos presentou en Petelos, nun acto público aberto a toda a veciñanza, as propostas recollidas no seu programa de goberno en materia de Medio Ambiente. O candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, defendeu a colaboración coas Comunidades de Montes para preservar o patrimonio forestal do concello e criticou a xestión do Partido Popular no último mandato. Na súa opinión a alcaldesa, Nidia Arévalo, “foi da man dos especuladores do monte e da auga e virou as costas á veciñanza”.

Na súa intervención, Barcia afirmou que “o BNG defende o monte como fonte de riqueza” e reivindicou a necesidade de poñer en valor os numerosos recursos naturais presentes nos terreos que son propiedade das Comunidades de Montes do concello. Mencionou os cogomelos, o turismo ecolóxico ou os deportes na natureza como actividades que é preciso potenciar para “acadar un desenvolvemento económico sustentable”. Reiterou, ademais, a necesidade de apoiar unha política de prevención de incendios que pase pola progresiva erradicación dos eucaliptos e outras especies invasoras nos terreos de protección forestal.

Eficiencia enerxética

Gustavo Barcia reivindicou no acto de Petelos “o compromiso do BNG co medio ambiente” e presentou un paquete de medidas que quere aprobar, dende o goberno, para impulsar un crecemento sustentable. O Concello, na súa opinión, debe dar exemplo e “ser o primeiro en asegurarse de que os edificios públicos estean adaptados aos máximos estándares de eficiencia enerxética”. Anunciou, ademais, a súa intención de instalar puntos de recarga para coches eléctricos no termo municipal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.