O BNG pide ao Sergas que garanta a atención sanitaria e o mantemento do emprego en Povisa

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou á Xunta que non caia na “chantaxe” e non permita que Povisa utilice como reféns a 138 mil pacientes e 1420 traballadoras e traballadores.
Por o 10/10/2018 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG pide ao Sergas que garanta a atención sanitaria e o mantemento do emprego en Povisa

O Bloque Nacionalista Galego reuniuse esta mañá co Comité de Empresa de Povisa. No encontro, no que participaron o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada no Parlamento galego, Montse Prado, a fronte nacionalista volveu demandar que o Sergas adopte todas as medidas necesarias para “garantir a atención sanitaria da poboación adscrita a Povisa, manteña o emprego e respeite os dereitos laborais do persoal do hospital”.

Pérez Igrexas cualificou de “intolerábel” a “chantaxe” que na súa opinión está a facer a empresa propietaria do hospital. “Vemos como novamente a empresa quere utilizar como reféns da súa estratexia para obter máis recursos públicos a 138 mil pacientes e 1420 traballadores e traballadoras. Non se lle pode consentir. O Sergas ten que garantir en primeiro lugar a atención sanitaria e que se respeiten os dereitos do persoal que traballa neste centro”, reclamou. Neste sentido, a deputada Montse Prado advertiu que “existen opcións legais e perfectamente factíbeis para que o Goberno galego interveña e mesmo para que tome o control do hospital se fora necesario”, lembrando que foi precisamente a política sanitaria impulsada polo Partido Popular a que fixo que Povisa sexa neste momento un “recurso imprescindíbel” na área sanitaria de Vigo. “Estamos falando un servizo de claro interese público xeral, da atención sanitaria de moitos milleiros de persoas. É algo co que non se lle pode permitir xogar a ningún grupo empresarial”, remachou.

A preguntas dos xornalistas sobre a fórmula desa hipotética intervención pública en Povisa, Igrexas e Prado defenderon que “do mesmo xeito que se rescatan bancos ou autoestradas privatizadas, existen medios legais para evitar que ningunha empresa xogue coa saúde da poboación como arma nunha negociación”. Fórmulas que para o BNG deben garantir “sempre” o mantemento do emprego ao actual plantel e que, lembran, xa foron utilizadas para a disolución das fundacións sanitarias comarcais.

A deputada do BNG anunciou que presentaron unha proposta de resolución que se debaterá mañá, xoves, no marco do Debate do Estado da Nación, sobre a situación de Povisa e que se engade á petición de comparecencia do conselleiro de Sanidade e a unha batería de iniciativas xa presentadas e que serán abordadas na próxima sesión ordinaria do Parlamento galego.

Precariedade laboral

Desde o Comité de Empresa trasladáronlle aos representantes do BNG a súa preocupación pola situación creada após o anuncio de Povisa de acudir a un preconcurso de acredores. Aliás, volveron denunciar a situación de precariedade laboral e de falta de medios humanos que padecen, poñendo o foco no feito de non dispor desde 2010 de convenio colectivo e levar 8 anos cos salarios conxelados.

A este respeito tanto Igrexas como Prado demandaron que no caso de que se chegue a un acordo entre Sergas e Povisa que supoña un incremento dos fondos públicos que se destinan ao concerto especial, este se traduza “nunha mellora das condicións laborais e en aumentar o persoal para garantir a mesma calidade asistencial que se presta nos hospitais de xestión pública”. “Non podemos admitir que o Sergas permita que en Vigo haxa pacientes de primeira e de segunda categoría”, afirmou Xabier P. Igrexas.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.