O BNG pide luz e taquígrafos na negociación SERGAS-POVISA que debe mellorar a calidade asistencial e laboral

Prado pide non aceptar a chantaxe da empresa “que utiliza como reféns ás persoas doentes e aos [email protected] para aumentar beneficios”
Publicado por o día 23/10/2018 na sección de BNG,Galicia,Política,Sanidad,Vigo

O BNG pide luz e taquígrafos na negociación SERGAS-POVISA que debe mellorar a calidade asistencial e laboral

O BNG reclamou que o Goberno de Feixóo explique no Parlamento a negociación que mantén con grupo empresarial propietario de Povisa, porque está en xogo a prestación sanitaria de 139.000 persoas e conta cun cadro de persoal de 1.400 efectivos, e porque mantén un concerto co hospital público superior aos 600 millóns de euros.

“Hai suficiente alarma social e laboral como para que o Goberno informe que está negociando, en base a que está revisando o concerto e se vai ceder ás pretensións da empresa”, salientou a portavoz de Sanidade, Montse Prado, “debe haber luz e taquígrafos nas negociacións, xa chega de opacidade, estamos falando de máis de 600 millóns de euros públicos e temos dereito a saber como se están a investir e a xestionar”.

En aras desa transparencia, a iniciativa parlamentaria do Bloque, -vetada polo PP-, tamén solicitaba a realización dunha auditoría dos concertos entre SERGAS e Povisa para clarificar como e en que se gastan os cuantiosos fondos públicos que recibe este hospital privado, e determinar cal é o destino real dos cartos que se transfiren a través dos concertos.

Prado reclamou á Xunta que as negociacións que está mantendo coa empresa non deben limitarse a darlle máis beneficios a Povisa, “senón que as mellores deben chegar á atención sanitaria dos doentes e dos e das profesionais blindando as condicións laborais, salariais e o mantemento dos postos de traballo”.

Ademais de garantir a calidade asistencial das 139.000 doentes derivados a Povisa, o Bloque lembrou que a empresa “mantén nunha conflitividade laboral constante aos seus 1.400 traballadores e traballadoras, e a Consellería de Sanidade non pode mirar para outro lado nun hospital co que ten asinado un concerto”, alegou Prado.

“A situación de Povisa é responsabilidade da Xunta e do PP, que apostou por condicionar a área sanitaria en Vigo para seguir mantendo un concerto multimillonario con esta empresa que chantaxea a Galiza utilizando como reféns aos doentes e ao cadro de persoal, pese a que duplicou beneficios”, explicou Prado durante a defensa da proposición non de lei do Bloque.

A deputada por Pontevedra fixo referencia a que Povisa é un exemplo claro da política sanitaria do PP, permitindo que os intereses desta empresa condicionaran o sistema de saúde pública de Vigo durante décadas, e mesmo o desenvolvemento do hospital de referencia, o Álvaro Cunqueiro. É tamén un exemplo de portas xiratorias.

“Rocío Mosquera pasa do centro Nosa Señora da Esperanza, hospital do grupo, a xerente do Sergas, de aí a Consellería de Sanidade, de aí a empresa certificadora Galaria para substituír no cargo a María Luisa Brandt que, a súa vez, pasa a ocupar o posto que esta tivera antes en Povisa”, denunciou Prado.

Nacionalización, opción posible

Por último, a iniciativa nacionalista tamén incluía “poñer en marcha todas as actuacións precisas para que canto antes a totalidade da poboación da Área Sanitaria de Vigo poida ter asistencia hospitalaria na sanidade pública, incluíndo o paso do Hospital Povisa ao Sergas no caso de que a asistencia sanitaria da poboación adscrita e os postos de traballo non estean garantidos”, concluíu.