O BNG pide máis persoal terapeuta ocupacional para atender as necesidade das residencias públicas

Prado chama a atención sobre o déficit de profesionais e sobre a falta de equidade no reparto, xerando discriminación no acceso a este servizo sanitario
Publicado por o día 19/06/2019 na sección de BNG,Política

O BNG pide máis persoal terapeuta ocupacional para atender as necesidade das residencias públicas

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, demandou da Xunta que dote do persoal terapéutico ocupacional necesario as residencias públicas de Galiza, que a día de hoxe arrastran un importante déficit de profesionais ao que se suma o feito de que se distribúen dun xeito arbitrario xerando situacións de discriminación no acceso a un servizo sanitario moi importante, en particular entre a poboación maior ou nos colectivos con necesidades especiais.

A día de hoxe, o SERGAS incumpre a ratio asistencial dun terapeuta por cada 1.200 habitantes que marca a OMS, de tal xeito que o sistema público de saúde conta con tan só 41 terapeutas ocupacionais coa seguinte distribución: 22 na provincia da Coruña, cinco en Lugo, catro en Ourense e 10 en Pontevedra. “E mesmo dentro de cada provincia o reparto de persoal para prestar este servizo é moi desigual, de tal xeito que para a rehabilitación física de adultos na Coruña hai 6 profesionais e cero en Santiago”, indicou Prado.

“Estamos ante unha situación de déficit de profesionais e ante unha falta de equidade na prestación deste servizo sanitario o que xera un prexuízo para a poboación”, salienta a portavoz de sanidade, quen apelou para a súa reclamación á importancia de poder acceder a este tipo de atención en casos de doentes que tivesen sufrido un ictus, un accidente, ou tamén no caso de persoas maiores para as que manter unha rutina ocupacional é fundamental para a súa saúde.

Nesta falta de equidade, Prado tamén fixo referencia á gran disparidade que existe no acceso ao servizo de terapia ocupacional nas residencia públicas, de tal xeito que hai casos nos que con menos residentes contan con profesionais que poden facilitar esta asistencia e outras con máis residentes non teñen este servizo á disposición das persoas usuarias.

Por iso, o Bloque solicitaba un estudo de necesidades e, con criterios de igualdade, dotar ao sistema público de saúde e as residencias publicas do persoal de terapia ocupacional que permita garantir unha correcta prestación deste servizo, proposta que foi vetada polo PP.

Comentar noticia

Your email address will not be published.