O BNG pide mudar o sistema de residencias privatizado polo PP por un modelo público

“A crise do coronavirus fixo emerxer con crueza as deficiencias do actual modelo mil veces denunciado”, subliñou Prado no Parlamento
Publicado por o día 13/05/2020 na sección de BNG,Política

O BNG pide mudar o sistema de residencias privatizado polo PP por un modelo público

A deputada Montse Prado denunciou no Parlamento que a crise do coronavirus “fixo emerxer con toda crueza a situación de  deterioro, de recortes e de deficiencias das residencias de maiores mil veces denunciada”. Os 223 centros, dos que só 24 son de xestión pública, cun total de 20.000 persoas usuarias, soportan máis do 45% das vítimas mortais pola pandemia.

A asistencia ás persoas maiores “está en mans privadas convertida nun negocio lucrativo”,  salienta Prado, quen critica a nefasta xestión da Xunta pese a ser coñecedora das deficiencias destes centros porque así o denunciou o Consello de Contas, así quedou recollido en actas de inspección e así o denunciou o BNG na Cámara, “pero antepuxo os intereses desas empresas, vinculas ao PP, ao interese das persoas residentes nelas”.

O epicentro do drama está nas residencias dos grupos DOMUS-VI e San Rosendo, e coa residencia de San Carlos de Celanova como primeiro centro cun brote masivo e unha taxa de contaxio entre os residentes do 82% e un cadro de persoal reducido por contaxio ao 16%, sen dirección e que precisou o apoio de veciñas voluntarias para atender a crise.

Prado preguntou á conselleira de Política Social porqué non interveu as residencias que estaban convertidas en focos de contaxios e falecementos, e porqué  permitiu que tiveran que enfrontar a pandemia con persoal insuficientes, sobrecarga de traballo, falta de material de protección, ausencia de protocolos, de formación específica e de test.

“Cal é a xustificación de non ter actuado cando era un clamor o que acontecía nas residencias e foille solicitado insistentemente por familiares e polo BNG? Cando vai facilitar os datos desagregados e acumulados de cada residencia? Que lección tira de todo o ocorrido conselleira? Xa é consciente das consecuencias nefastas do modelo privatizador do PP ou precisa máis situacións dramáticas?”, interpelou Prado a Fabiola García.

“Non persevere nos erros, non pretenda impoñer un relato fraudulento porque os datos demoledores da pandemia nas residencias mostran que é preciso que rectifiquen o modelo privatizador e precario do PP e construír un modelo público para evitar que as súas empresas amigas sigan facendo negocio coa saúde dos maiores co custe demoledor que deixa esta crise”, demandou Prado.

A deputada nacionalista pechou a súa intervención destacando que máis do 45% das persoas falecidas polo virus en Galiza vivían en residencias, – o equivalente a 30.000 persoas se o calculo se extrapolase a toda a poboación-, ao tempo que insistía en reclamar á Xunta que cese na súa “opacidade” na transmisión de datos porque, a día de hoxe, non se coñece os datos de contaxios e falecementos en cada residencia do país.

No terreo das propostas, a nacionalista reclamou a planificación para a volta á normalidade das residencias; adopción das medidas para garantir que o drama vivido non se volva repetir; poñer en marcha un plan de inspección para garantir que todas as residencias cumpran as condicións precisas tanto en medios e instalacións como  en rateos de persoal. Igualmente, que se publique os datos de persoas contaxiadas e falecidas en cada residencia e empezar a traballar de inmediato para crear un verdadeiro servizo galego de benestar  público.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.