O BNG pide que o Concello precinte a obra sen licenza dunha casa de apostas na avenida da Florida

O concelleiro Xabier P. Igrexas dirixiu un escrito á Concelleira Delegada de Urbanismo, dando conta da denuncia veciñal de que a pesar do non outorgamento de licenza as obras continúan a porta pechada.
Por o 19/06/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG pide que o Concello precinte a obra sen licenza dunha casa de apostas na avenida da Florida

O pasado 18 de xuño, a Xerencia Municipal de Urbanismo resolvía desestimar a licenza de obras de reforma dun local sito na avenida da Florida 73 onde se estaban a acometer obras para a instalación dunha casa de apostas.

No entanto, esa decisión non supuxo a paralización dos traballos no baixo comercial que continúan a desenvolverse a porta pechada, segundo denuncian veciños da contorna. Por este motivo, e atendendo a chamada dun particular, a policía municipal personouse na mañá de hoxe levantando atestado.

Diante desta situación, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, vén de dirixir un escrito á Concelleira Delegada de Urbanismo, María José Caride, dando conta do que está a acontecer e instando ao Goberno local  a adoptar as medidas precisas para impedir que continúen uns traballos que non contan coa preceptiva licenza municipal.

“Unha vez a Xerencia resolveu non conceder a licenza de obras, o lóxico será que desde o Concello se adopten as medidas que sexan necesarias para impedir que a reforma continúe, incluíndo o seu precinto”, explica Igrexas. “Saudamos a decisión adoptada por Urbanismo pero esta non pode ficar en papel mollado”, remacha.

O edil nacionalista faise eco da enorme preocupación na veciñanza da contorna diante do que temen sexa unha “política de feitos consumados”, toda vez a empresa mantén a previsión de inaugurar esta nova casa de apostas para o próximo día 11 de xullo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.