O BNG pide que se paralice a licitación da peonalización da Porta do Sol para estudar alternativas ao túnel e dialogar coa veciñanza e o tecido asociativo

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, expresa o apoio do BNG á peonalización, que permitirá reiniciar o proceso de “·democratización do espazo público” que se puxera en marcha baixo a alcaldía do nacionalista Pérez Castrillo, pero demanda que se consensúe o proxecto.
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG pide que se paralice a licitación da peonalización da Porta do Sol para estudar alternativas ao túnel e dialogar coa veciñanza e o tecido asociativo

O BNG levará ao vindeiro Pleno do Concello de Vigo o debate arredor do proxecto para a peonalización da Porta do Sol. A fronte nacionalista é partidaria da actuación pero demanda que se estuden alternativas ao actual deseño do túnel co que se quere soterrar o tránsito e que haxa máis participación e diálogo coa veciñanza. Así o anunciou esta mañá concelleiro Xabier P. Igrexas nunha rolda de prensa na que presentou a moción que someterán a debate na sesión plenaria do próximo 4 de setembro.

Apoio á peonalización

Igrexas comezou por expresar o apoio do  BNG á peonalización da Porta do Sol, un proxecto que, segundo manifestou, permitirá reiniciar o proceso de “democratización do espazo público” que se puxera en marcha baixo a alcaldía do nacionalista Lois P. Castrillo, coas peonalizacións da praza da Independencia, da praza da Constitución e de Urzaiz no Calvario, ou a retirada de tránsito de vehículos na praza do Berbés, en Teófilo Llorente, rúa Real, a praza Chao e rúas colidantes.

“Se hai unha forza política que demostrou compromiso e audacia en favor das peonalizacións para humanizar de verdade a cidade é o BNG”, reivindicou, salientando que aquelas actuacións supuxeron unha transformación sen precedentes, que se traduciu “nunha hoxe innegábel dinamización social e comercial que converteu eses ámbitos en máis e mellor habitábeis”. “Infelizmente, aquel impulso, liderado por unha alcaldía nacionalista pero empurrado por unha enorme forza social e veciñal, non tivo continuidade por parte dos sucesivos gobernos”, lamentou.

Sobre a premisa de que “a cidade é moito máis que un territorio, que un espazo” senón que  é fundamentalmente “unha comunidade humana”, Igrexas aposta porque o deseño urbano procure ser funcional ás persoas, facilitando a súa mobilidade pero tamén creando espazos convivenciais, facendo que as persoas gañen superficie para o seu uso fronte ao vehículo privado.

Neste sentido, o voceiro nacionalista cualificou de “iniciativa positiva” o pretenso do Goberno municipal de peonalizar a Porta do Sol. As dúbidas xorden a respeito do proxecto construtivo que se pretende executar, cun túnel sobre o actual estacionamento soterrado. “Un proxecto que non conta coa necesaria complicidade social, como visan os protestos veciñais que demandan, con razón, máis información e participación nunha actuación que vai incidir no quilómetro cero da cidade, nun espazo central do entramado urbano”, lamentou.

Igrexas denunciou que as dúbidas e temores da veciñanza residente na contorna –singularmente na rúa Elduayen– sobre a seguridade das obras para os seus inmóbeis, así como a preocupación a respeito da posíbel afectación desta actuación nun espazo singular e privilexiado como é o Paseo de Afonso XII, non obtiveron até o momento unha resposta nin atención satisfactoria por parte do Goberno municipal que non demostrou disposición real a considerar as súas achegas.

Proxecto de cidade

Diante desa falla de consenso e de participación, Igrexas apostou porque un proxecto desta magnitude, que debe ser un proxecto de cidade, procure o máximo consenso social e político. “Facermos da Porta do Sol a grande praza peonil da nosa cidade é unha tarefa que nos debe implicar a todos e a todas. Ao conxunto da Corporación municipal, ao tecido asociativo e comercial da zona, e, por suposto, á veciñanza residente na súa contorna”, defendeu.

O Bloque demanda ademais que se avalíen tamén opcións alternativas ao actual deseño do túnel, argumentando que “un investimento tan importante, de máis de 17 millóns de euros, require ademais que as decisións sexan resultado dun estudo pormenorizado que avalíe todas as alternativas, permitindo que o resultado perdure no tempo como un logro colectivo da cidade”.

Moción

A moción nacionalista insta o Goberno municipal a paralizar provisionalmente a licitación, e a súa subseguinte execución, das obras para a peonalización da Porta do Sol, para avaliar tecnicamente, a través dunha mesa de especialistas ou dun concurso público de ideas, opcións alternativas á do túnel deseñado que “permitan a peonalización total da Porta do Sol e a súa eventual extensión a todo o Paseo de Afonso XII”.

O Bloque demanda tamén que se abran canles formais de diálogo e interlocución co tecido asociativo da contorna e coa veciñanza afectada. Por último, a moción pide que o Goberno municipal someta a exposición pública calquera que sexa o proxecto definitivo para a peonalización, permitindo que a veciñanza e colectivos da cidade poidan presentar alegacións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.