O BNG pide xestionar dende Galiza os fondos de cohesión 2021-2027 e mudar os criterios para o seu reparto

Envellecemento, despoboación e emigración, criterios clave no reparto dos recursos europeos para beneficiar a Galiza
Publicado por o día 08/06/2018 na sección de BNG,Política

O BNG pide xestionar dende Galiza os fondos de cohesión 2021-2027 e mudar os criterios para o seu reparto

A portavoz nacional, Ana Pontón e a eurodeputada, Ana Miranda valoraron hoxe o borrador dos Fondos de cohesión  2021-2027. As nacionalistas rexeitaron que o reparto dos fondos   correspondentes a Galiza   sexa competencia do Estado e reclamaron esta xestión para Galiza.  O BNG reclama  situar a realidade  demográfica galega, a  despoabación dispersa e emigración como criterios para a distribución das partidas económicas europeas.

“LOBBY GALEGO” CONTRA A REDUCCIÓN DOS FONDOS

Ana Pontón anunciou que o BNG será un “lobby” contra a redución dos fondos europeos provocada polo alongamento da Unión europea. “O marco de financiamento até o 2017 influirá de maneira decisiva en sectores estratéxicos en Galiza como o agro e a pesca” e  noso país, dixo, precisamos políticas para crear emprego digno, igualdade, cohesión social e frear o despoboamento. Dende o BNG, manifestou  vemos con preocupación as prioridades dos estados europeos dentro do novo marco de financiamento que apostan claramente “polo incremento do gasto militar nun 22% fronte a redución de partidas de fondos de cohesión”.

A nacionalista criticou que o orzamento europeo só represente “un 2% do gasto público total”,  ao que sumou a proposta para reducir os fondos da política agraria e de cohesión entre un 5 e un 7%.

Pontón recalcou que os criterios para repartir os fondos queda en man dos estados sen respectar as competencias en ámbitos exclusivos e volveu a reclamar que “Galiza xestione os fondos en agricultura e pesca” porque se a distribución a fai o Estado, “non será beneficiosa para o noso país”.

A falta de “relevancia” da Xunta para conseguir que “o despoboamento de Galiza, o envellecemento, e a emigración”  fosen criterios para ter en conta  no reparto  evidencian a falta de equilibrio nos fondos de cohesión e converxencia con Galiza.

O BNG propón avanzar nun orzamento expansivo, trala forte pegada da crise económica, “máis gasto público para reverter os recortes e a destrución de emprego, incrementar a PAC ante o anuncio dunha redución do 5% que pode alcanzar o 15%, cambiar os criterios para a súa distribución, axudas en función da actividade agraria e non o número de hectáreas  para favorecer a base familiar, o emprego xerado así como á actividade asociativa e cooperativa”.

O BNG, anunciou Pontón porá en marcha unha campaña con todo o tecido social galego para analizar a repercusión do programa de fondos comunitarios para Galiza. Faremos un labor de “lobby galego” fronte uns orzamentos que lesionan os intereses do noso pais. “Galiza necesita xestionar os fondos para desenvolver os sectores económicos, mellorar a innovación  e apostar por unha base produtiva sólida”.

ANA MIRANDA DENUNCIA O CARÁCTER CENTRALIZADOR DOS FONDOS

Para a eurodeputada, a proposta dos  fondos presentados por Junker o  pasado 29 de maio  manteñen un “carácter centralizador” e explicou que foron  programados pola actual ministra de Economía, Nadia Calviño. Neste sentido, e ante a concentración dos fondos no Estado fixo un chamamento para que sexa Galiza quen xestione os recursos que lle correspondan porque de non ser así, dixo,  volvemos a correr o risco de que o Estado beneficie a outros territorios e actividades produtivas. Facemos un chamamento a nova ministra, dixo Miranda, para que mude o seu “criterio centralizador dos fondos e permita que os galegos sexan xestionados dende Galiza”.

Miranda criticou que tras as visitas de Feixóo a Bruxelas, o presidente da Xunta non mediara para incluír nos criterios de reparto de fondos europeos como o  “ problema  demográfico, a dispersión da poboación e a emigración”. Para nós, remarcou a eurodeputada, “o PP estatal e galego non amosaron ningún interese por mellorar as achegas europeas a Galiza”.

Miranda destacou que o fondo FEADER reducirá un terzo  da súa dotación, pasando a 21 mil millóns de euros cando contaba con máis de 70.000 o que afectará moi negativamente ás explotacións agrarias e o desenvolvemento rural galego.

Finalmente, Miranda anunciou que o BNG  permanecerá moi atento a todas as disposicións dos fondos de cohesión e presentará en Europa todas  as propostas necesarias para que Galiza non saia prexudicada.