O BNG pídelle á Xunta diálogo co sector do ocio nocturno e igualdade de trato co resto da hostalería

Ve razoable a petición dun plan específico de desescalada e analizar medidas de apoio para un sector que tamén dinamiza o tecido cultural
Publicado por o día 10/09/2020 na sección de BNG,Política

O BNG pídelle á Xunta diálogo co sector do ocio nocturno e igualdade de trato co resto da hostalería

O BNG escoitou as demandas do sector do ocio nocturno nunha reunión con representantes da Asociación de Hostalería de Santiago e coa Asociación  Galega de Salas de Concerto (ClubCultura) que alertan da posible desaparición de moitos destes establecementos e dos postos de traballo que xeran en todo o país.

Tras o encontro cos responsables parlamentarios de turismo e emprego, Daniel Pérez, e de comercio, Carmela González, o BNG pide á Xunta que se sente a negociar co sector e avanza a presentación dunha iniciativa na Cámara para que os locais de ocio nocturno reciban un trato igual que o resto dos locais de hostalaría, sempre e cando cumpran co mesmo protocolo de seguridade sanitaria contra a COVID19 e asuman, con idéntico rigor, todas e cada unha das medidas de control contra a pandemia así como a limitación de horarios.

Para a formación nacionalista, a seguridade sanitaria e a loita contra o virus é a máxima prioridade, pero entende que un local de ocio nocturno que ten unha licencia en vigor debe poder traballar nas mesmas condicións que o resto de locais de hostalería se reúnen os requisitos, compren horarios e se aplica o mesmo protocolo de seguridade fronte á pandemia. Por exemplo, unha sala de concertos ao vivo pode facer unha actuación sempre que cumpra as mesmas esixencias que se lle piden a un bar convencional e co mesmo horario de peche agora en vigor.

Igualmente, o Bloque ve razoable que se estude un plan especifico de desescalada para os establecementos de ocio nocturno, como reclaman,  e que no necesario diálogo que a Xunta debe manter co sector tamén se analicen posibles vías de apoio para a súa subsistencia tendo en conta o emprego que está en xogo.

“O ocio nocturno pide igualdade de trato co resto dos establecementos do sector, en particular as salas de concertos, que mesmo teñen consideración de espazos de cultura e de socialización e xogan un papel fundamental na dinamización do sector cultural galego, tamén nun momento de dificultade”, explica a deputada Carmela González.

“O goberno da Xunta debe sentarse a dialogar con todo o sector da hostalería e non só cunha parte e debe estudar posibles medidas de apoio”, insiste a parlamentaria do BNG, ademais de facer unha reflexión arredor de que o responsable é apostar por un ocio nocturno coas máximas garantías e baixo un control estrito da normativa e dos protocolos sanitarios previstos, en lugar dun ocio nocturno espontáneo que non reúna condicións de seguridade cando estamos nun contexto de pandemia como o actual.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.