O BNG presenta unha candidatura plural, feminista e disposta a devolver a voz as viguesas e os vigueses

“Queremos que Vigo sexa unha cidade de iguais, que sume e pensamos que o BNG ten que volver ser unha forza determinante no Concello para que iso suceda”, remarcou Xabier P.Igrexas, candidato á alcaldía
Publicado por o día 23/03/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG presenta unha candidatura plural, feminista e disposta a devolver a voz as viguesas e os vigueses

O BNG de Vigo presentou esta maña a candidatura ao completo coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. Unha lista con 27 homes e mulleres dispostos a cambiar o rumbo da cidade e darlle a Vigo o impulso que merece cun proxecto feminista, aberto a escoitar todas as voces e cunha clara representación do que é a cidade.

A candidatura, encabezada por Xabier P.Igrexas, conta cunha ampla representación dos diversos eidos culturais, sociais, sindicais, feministas ou da defensa dos servizos públicos: “Presentamos unha candidatura representativa do que o Bloque quere construír, con xente dos diferentes movementos sociais do tecido cultural e do traballo, con mulleres feministas e con mocidade como parte da proposta”, remachou o candidato da fronte nacionalista.

A candidatura conta ademais con “persoas independentes que demostran que o BNG está nun proceso de recuperación de apoio, de portas abertas e que acredita que Vigo precisa un novo impulso” e para mostra disto, a lista conta con Maica Rivas como número dous, independente e vinculada ao ensino. “O que temos aquí hoxe é unha equipa capaz, plural e diversa que o que busca é que o BNG volva ser unha forza determinante”, enfatizou o candidato nacionalista.

Pero non so iso. Para Xabier P.Igrexas tan importante é presentar unha equipa potente e capaz como o é o feito de abrir as portas a todo aquel que queira sumar “para facer de Vigo unha cidade para o pobo onde os problemas das persoas sexan o primeiro”, apuntalou, “unha cidade de iguais cun compromiso radicalmente feminista cun proxecto de transformación que só o BNG pode liderar”.

O BNG: Unha forza determinante

No acto de presentación quixo estar tamén Ana Pontón, portavoz nacional, arroupando un proxecto que cre determinante para Vigo e co que o BNG busca recuperar o seu papel no Concello. Pontón destacou que o candidato que propón o Bloque para Vigo é unha persoa nova cunha equipa que leva anos traballando por un Vigo mellor: “ Vigo precisa un proxecto

que vaia máis alá das luces e dos decorados, que aposte pola innovación e por mellorar a calidade da xente. E recordou que a pegada do BNG está aí para ver e segue patente na memoria da xente: “Estamos vendo que hai unha corrente de simpatía cara a nosa organización e que queremos traducir en apoio electoral”, e recordou que as xerais son tamén unha boa oportunidade para que o rumbo do país cambie e Galiza volva ser escoitada.

CANDIDATURA DE VIGO DO BNG

ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2019

1. Xabier Pérez Igrexas – Candidato á alcaldía de Vigo

Xabier P. Igrexas, é natural de Vigo e ten 34 anos. Participou activamente do movemento veciñal da cidade desde moi novo e durante case 15 anos, tanto na Asociación Veciñal Val do Fragoso como tamén na Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC) da que foi secretario. Fixo parte activa do movemento estudantil chegando a ser secretario xeral a nivel galego dos Comités Abertos de Estudantes (organización actualmente integrada en Erguer – Estudantes da Galiza). Entrou a militar en Galiza Nova e no Bloque Nacionalista Galego en 1999, tendo asumido diferentes responsabilidades tanto na organización xuvenil como na fronte nacionalista.

No eido institucional, como representante de diferentes colectivos, foi membro de organismos municipais como o Consello Social da Cidade, Consello Sectorial de Transportes, Consello Social da Lingua, Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade e mais o Consello Escolar Municipal.

A nivel sindical fai parte da CIG, onde ten asumido diversas responsabilidades. No ámbito xornalístico ten desempeñado como colaborador e columnista en diversos medios de comunicación, como A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Galicia Hoxe ou Sermos Galiza, entre outros. Profesionalmente traballa como administrativo.

2. Maica Rivas Corbacho (Independente)

Diplomada e Licenciada en Ciencias Empresariais, está moi vinculada ao ensino público tanto de forma profesional como nai. É profesora no IES Ricardo Mella de Vigo, no que desempeña ademais como coordinadora de Igualdade e participa en proxectos de innovación educativa. Impulsora da ANPA do CEIP Sárdoma Moledo, o seu compromiso en defensa do ensino público levouna a exercer como presidenta de FOANPAS (2016-

2018) en cuxa representación fixo parte do Consello Escolar Municipal.

3. Elsa Quintas Alborés

Avogada de profesión, é activista da normalización lingüística. Autora da biografía da gue-rrilleira antifascista Placeres Castellanos. Participou na fundación da Mocidade pola Nor-malización Lingüística e no movemento estudantil nos anos universitarios. É membro do Consello Comarcal de Vigo do BNG.

4. Xerome Calero Prado

Diplomado Universitario Enfermería e traballador do Sergas. Actor e director teatral, fundador da compañía Máscara 17 e Máscara Producións. Activista cultural. Coordinador e creador do programa Vigo a Escena. Foi Técnico Asesor da Concellaría de Cultura no período 2007-2011 no Concello de Vigo.

5. Raquel Pérez Fernández

Técnica Superior en Prevención de Riscos Laborais. Sindicalista da CIG fai parte da súa Executiva Comarcal en Vigo e mais da Executiva Comarcal da federación de Industria. Participa activamente do movimento feminista da cidade, sendo membra da Marcha Mundial das Mulleres e da plataforma Galegas 8M.

6. Dolores Rodríguez Martínez

Médica especialista de recoñecida reputación en aparato dixestivo no CHUVI. Comprometida coa defensa da sanidade pública, pertence a Asociación pola defensa da sanidade pública AGDSP. Militante do nacionalismo desde a súa fundación, é unha das fundadoras da Unión de Traballadores da Sanidade Galega, UTSG, (integrada posteriormente na INTG e na CIG).

7. Adrián Rodríguez Bravo

Preparador laboral especialista en emprego con apoio para persoas con diversidade funcional e Técnico superior en Animación Sociocultural. Activista desde moi novo no movemento estudantil galego e na organización xuvenil do BNG, Galiza Nova. Traballou en distintas entidades sociais a prol da inclusión social e laboral das Persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e diversidade funcional da área metropolitana de Vigo.

8. Maribel Tato Sánchez

É unha libreira apaixonada desde que abriu unha libraría no Calvario no ano 1984, cun claro compromiso co nacionalismo e a cultura e lingua galegas. Tamén é socia fundadora de Kalandraka e de Redelibros, a primeira rede social galega de autoedición.

9. Eduardo Ruanova Davila

Técnico industrial na empresa ZF Frank Friederich (antiga Dalphi Metal). Membro do Comité de Empresa pola CIG. Presidente do Colectivo Cultural Alternativo “Malaherba” de Matamá desde 2008.

10. María Alonso Castro

Estudante. Militante de Galiza Nova, na que é responsábel da Asemblea de Mulleres comarcal, membro da Dirección Nacional e da Mesa Nacional da súa Asemblea de Mulleres. Activista estudantil en Erguer-Estudantes da Galiza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.