O BNG presentará iniciativas para que Vigo volva ser o motor económico de Galiza

Afirma que o BNG traballará para ofrecer alternativas aos problemas de fondo para que “Vigo avance”
Publicado por o día 05/09/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG presentará iniciativas para que Vigo volva ser o motor económico de Galiza

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou nun almorzo informativo acompañada polo representante do BNG no Concello, Xabier Pérez Igrexas. No encontro coa prensa, Pontón salientou a importancia da entrada do BNG no concello e avanzou que o BNG continuará traballando para que “Vigo avance” aportando alternativas aos problemas de fondo.

Pontón salientou  que Vigo foi durante moito tempo “o motor económico de Galiza” e no horizonte albíscase retos aos que debe dar resposta porque a “a política é algo máis que decorado e xestos”. É necesario, dixo, empregar novas estratexias para a área  metropolitana de Vigo que está perdendo posicións económicas fronte á área de Coruña cun incremento do PIB.

A nacionalista insistiu en que Vigo conta con todas as ferramentas para converterse novamente no motor económico de Galiza abandonando “o localismo estéril e política de confrontación que só conduce á perda de oportunidades. Dende o BNG defenderemos no Parlamento galego esa “nova estratexia para a Área metropolitana de Vigo”.

Esta cidade ten un “un pulmón industrial” que debe ser recuperado con peso e futuro. Sabemos que non estamos nunha conxuntura fácil ante unha nova desaceleración económica e un escenario no que non se creará emprego por iso, recalcou temos a obriga de pensar na política de verdade, esa que xera traballo e riqueza. A política de “decorado” pode ofrecer bos resultados electorais a algúns pero é “unha política suicida para o país”.

Pontón lembrou que o debate sobre as Illas Atlánticas como patrimonio da Humanidade danou “a imaxe de Vigo” e o prestixio dun gran valor medioambiental. O que realmente necesitamos, dixo, é “menos loita de egos e avanzar colectivamente”.

Entre as cuestión que deben ser abordadas dende o concello, Pontón destacou os ruídos na cidade, “a máis ruidosa do Estado español” e os problemas de subministro de auga pola situación dos encoros e polo abastecemento. Ademais criticou a “anárquia edificatoria” e a ausencia dun plan xeral de ordenamento, algo  que non parece ser “unha prioridade para ao actual goberno”, ironizou.

A nacionalista tamén destacou os problemas da cidade no sector cultural e a necesidade do saneamento da Ría de Vigo.

Dende o BNG, afirmou, queremos contribuír co ben xeral e para iso traballaremos para  mellorar a calidade de vida dos habitantes de Vigo.